Xenética Fontao impulsa o talento e o futuro do sector vacún con dotacións económicas a proxectos do alumnado de EFA Fonteboa

Xenética Fontao impulsa o talento e o futuro do sector vacún con dotacións económicas a proxectos do alumnado de EFA Fonteboa
Manuel, Adrián, Jesús, Brais e Marcos representan a remuda xeracional no rural e a proxección da gandería bovina segundo o xurado dos Premios Fontao. O recoñecemento, creado polo laboratorio lucense Xenética Fontao e a Fundación para a Promoción e o Desenvolvemento Rural (Fundesar), busca impulsar a innovación e o compromiso coas áreas pouco poboadas de Galicia. Os mencionados, estudantes que acaban de graduarse en EFA-Fonteboa, comparten o propósito de mellorar a produción leiteira, a xenética animal e a tecnificación agrogandeira. Máis en Vaca Pinta 60.

Un final que se resignifica como inicio. Así é como se presenta este remate do curso 2025-2026 para parte dos titulados do Ciclo Superior de Gandería e Asistencia en Sanidade Animal do Centro de Promoción Rural EFA-Fonteboa, en Coristanco (A Coruña). Isto é posible grazas aos Premios Fontao que, con dotacións de ata mil euros, impulsan os proxectos finais máis prometedores relacionados co fomento e a sostibilidade da raza bovina para activar as propostas do alumnado.

O xurado estivo formado por profesorado da institución educativa, parte do equipo do laboratorio lucense Xenética Fontao, representantes de Fundesar e profesionais externos. A estabilidade e a remuda xeracional no sector primario son dous dos luceiros que perseguen o centro educativo e as entidades implicadas. Por este motivo, e coa configuración destes premios para a formación, esta especie de Nadal pasará a formar parte do calendario académico nos vindeiros anos.

O vacún de leite ocupa o primeiro lugar no podio. Ademais da valoración positiva das súas propostas, con dous recoñecementos de mil euros, respectivamente, serán incentivados os proxectos defendidos por Manuel Vázquez, de Irixoa, e Adrián Jorge, de Lalín.

Os dous premiados son exemplo dos polos opostos que existen no salto profesional ao mercado primario. Vázquez, pola súa banda, vincúlase ao futuro propoñendo a adquisición e creación dunha granxa de vacún de leite que busca basear no seguimento de métodos de prevención e de bioseguridade, na organización de tarefas a partir do muxido robotizado e na produción de forraxes propias.

Aínda que tamén ten en conta a innovación, propoñendo a construción dunha nova nave, o plan de Jorge é continuar o legado da gandería familiar existente. Na súa incorporación, como representante da terceira xeración, acompañarao a execución do seu sistema contextual e economicamente rigoroso, xa proposto ante o tribunal, co que persegue a mellora da selección xenética do gando.

Unha mención especial, e cincocentos euros como reforzo económico, conseguiron os proxectos investigados e presentados por Jesús Rico, de Abadín (Lugo); Brais Lorenzo, de Mazaricos (A Coruña), e Marcos López, de Paradela (Lugo). Os tres medraron en fogares con empresas agrogandeiras, unha influencia directa que os levou a especializarse dende EFA-Fonteboa co propósito de achegar de volta planificacións rendibles e factibles.

Así ocorreu en todos os casos. O estudo de Rico céntrase en achegar solucións para reducir a pegada de carbono, dende a relacionada co proceso dixestivo da vaca ata coa aplicación de xurros, e na ampliación das instalacións cun establo totalmente automatizado e actualizado para adaptarse aos ritmos actuais de mercado.

O obxectivo a curto prazo de Lorenzo é que en Casa Feles se alcancen as 120 vacas en produción de leite, partindo das oitenta actuais. Para a correcta transición propón a construción dunha nave equipada con dous robots de muxido e unha aleitadora automática para becerros, así como a adquisición de quince hectáreas de terreo para o coidado en extensivo do gando.

O proxecto de López tamén abrangue unha ampliación da base territorial da empresa familiar, Explotacións Reguenga, que lle permitirá dispoñer de sesenta hectáreas para praderías de pasto e de vinte para plantacións enfocadas ao autoconsumo e ao mantemento da oferta para compradores externos. Na súa planificación, ten clara a orientación da xestión: a cría e a venda de animais de raza rubia galega con fins reprodutivos.


Na estimación tivéronse en conta o grao de viabilidade obxectiva dos proxectos, o valor engadido da remuda xeracional e a súa defensa cunha presentación final

Unha ollada multidisciplinaria á realidade do sector lácteo

Os profesionais externos que integraron o xurado, vinculados ao sector leiteiro dende diferentes empresas e asociacións, sumaron diferentes perspectivas da produción láctea ata chegar á valoración final: estratexia empresarial, asesoramento administrativo, control produtivo…

Repartido en tres tribunais de avaliación, achegaron as súas estimacións para os galardóns Pablo Reboira, xefe de produto do provedor ABS Global Spain; Xusto Mourín, técnico de Africor Coruña; Bruno Suárez, técnico de Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN); Carmen Rey, responsable de Compras do Grupo Lactalis; Juan Carlos Lauroba, técnico da Oficina Agraria Comercial (OAC) de Baio; Javier Recarey, técnico da OAC de Carballo, e, ligado a unha empresa activa durante máis de cincuenta anos no territorio, Juan Manuel Fiz, asesor do Grupo Lence.

Segundo o comunicado polas entidades organizadoras, na valoración dos proxectos tivéronse en conta, entre outros factores, o grao de viabilidade obxectiva dos proxectos, o valor engadido da remuda xeracional inherente a certos casos e a súa defensa mediante unha presentación final, que tivo lugar o pasado 20 de maio.

Con estes premios, as entidades organizadoras amosan unha vez máis a súa implicación co reforzo do vínculo entre as novas xeracións e o sector agroalimentario. Dende o seu papel activo dentro dunha industria flutuante e sendo testemuñas do abandono paulatino do rural galego, estes mozos poden hoxe comezar a visualizar a materialización das súas iniciativas grazas a un acompañamento que os profesionaliza, os acompaña e os incentiva a abandonar, ou non, o niño con convicción e con esperanza no campo.