Unha delegación de veterinarios de distintas rexións de España reuniuse cos responsables da Inlac, a organización interprofesional que representa os intereses do sector lácteo, para trasladar a grave situación que atravesa a profesión veterinaria no eido da produción leiteira.
A delegación estivo formada por José Luis Benedito, docente, investigador e presidente do Colexio de Veterinarios de Lugo, provincia líder na produción de leite de vaca; Juan Antonio de Luque, veterinario clínico e presidente do Colexio de Veterinarios de Málaga, primeira en produción de leite de cabra; e Alfonso Raffin, en representación das empresas de servizos e produtos agroalimentarios. A recepción foi encabezada polo presidente da Inlac, Javier Roza, e a directora xerente, Nuria Mª Arribas.
Durante a reunión, os veterinarios trasladaron ao sector a crecente desmotivación e escaseza de profesionais nas especies gandeiras de leite, debido á falta de ferramentas, condicións laborais adversas e carga burocrática crecente. A figura do veterinario rural autónomo está desaparecendo en boa parte de Europa, e países como Francia e o Reino Unido levan anos contratando a recén licenciados españois ante a falta de persoal.
Ademais da fuxida de profesionais ao estranxeiro, tamén se está a producir un abandono do medio rural cara a outros sectores ou cara a empresas do eido agroalimentario, motivado por accidentes laborais, enfermidades, falta de descanso, e unha notable inseguridade xurídica e económica. A situación viuse especialmente agravada coa entrada en vigor do Real Decreto 664/2023 sobre o uso de medicamentos veterinarios, que impón restricións ao uso de medicinas e obriga aos veterinarios a unha intensa labor administrativa a través da aplicación PRESVET.
As consecuencias desta crise son especialmente duras para as explotacións familiares, que cada vez atopan máis dificultades para acceder a servizos veterinarios, ou deben enfrontalos cun custo moi elevado. A isto súmanse gastos extra derivados dos desprazamentos para adquirir medicamentos, xa que os veterinarios deixaron de poder entregalos directamente durante a visita á granxa.
Todo isto acontece nun momento de alta sensibilidade sanitaria, co aumento de patoloxías —moitas delas zoonóticas— vinculadas ao cambio climático, á globalización comercial e ao crecemento das explotacións. Estas enfermidades supoñen unha ameaza tanto para a continuidade do sector como para a confianza do consumidor.
A delegación veterinaria agradeceu a disposición da Inlac para escoitar as súas preocupacións e acordou manter abertas as vías de diálogo. Ademais, ofreceu a súa colaboración como interlocutor técnico ao longo de toda a cadea láctea e como axente de divulgación científica sobre os beneficios do consumo de leite e a importancia ecolóxica e alimentaria dos rumiantes domésticos.