Vaca Pinta 17, tamén en galego

A semana pasada vía a luz o número 17 da revista Vaca Pinta en castelán e hoxe a hemeroteca da nosa web xa ten dispoñible a súa edición en gallego, un número especial que afrontamos aínda confinados para protexernos da covid-19 e que compuxemos de principio a fin desde a casa. Aínda así sentímonos coa responsabilidade de reivindicar máis que nunca o voso traballo como sector esencial e dar voz a todos aqueles que estades implicados nesta cadea.

CON LUPA

Esta sección recolle os testemuños de como foi e como segue sendo a día de hoxe a realidade dos diferentes axentes implicados no sector lácteo –gandeiros, veterinarios, empresas provedoras, cooperativas, industria e distribución– a consecuencia da pandemia provocada polo coronavirus SARS-CoV-2, cales foron os seus principais problemas e preocupacións e como afrontan o futuro máis inmediato.

ENTREVISTA

Para profundar na perspectiva que ten o gremio veterinario sobre a covid-19, entrevistamos a Gonzalo Fernández, experto en enfermidades infecciosas da área de Sanidade Animal da USC, quen valorou diferentes claves da enfermidade e destacou a importancia da vixilancia activa para o seu control.

EXPLOTACIÓN

A gandería protagonista deste novo número de Vaca Pinta é Casanova Holstein, de Baleira (Lugo), unha granxa marcada pola incorporación constante de novas tecnoloxías.

ESPECIAL: MAMITE

O especial do mes de maio, como é habitual, sempre vai dedicado á mamite. O primeiro dos artigos, asinado por Robin Matthayasack (GEA Farm Norte América), Francesc Oliva, Hèctor Salas, Enrique Conesa (GEA Farm Technologies Ibérica) e Oriol Franquesa (Q-Llet), está centrado en entender a hiperqueratose, que é realmente este trastorno, as causas polas que pode ser provocado e como se pode avaliar a súa incidencia no rabaño.

Oriol Franquesa tamén aborda noutro traballo o manexo de camas de compost para vacas de leite e o seu impacto na saúde do ubre e Almudena Tato, do servizo de Calidade de Leite de Seragro SCG, asina un terceiro artigo sobre as diferenzas entre a terapia sistemática e selectiva de secado.

Por último, Iván Mato, de Laboratorios Hipra, pon o foco na evolución da mamite e analiza as novas estratexias clínicas para evitala ou vencela nas granxas.

SAÚDE ANIMAL E XENÉTICA

Mikel Imaz, de Laboratorios Virbac, asina o artigo titulado “Impacto das cetoses no gando vacún”, no que tenta axudar a entender mellor en que consiste esta enfermidade, cales son as consecuencias que provoca na produción e ofrece algunhas claves para mantela baixo control entre o rabaño.

Pola súa banda, Remi Salesses, Ludovic Izard (AURIVA) e Sebastián Martín (Evolution Ibérica XY) describen un estudo comparativo do rendemento obtido co cruzamento en Holstein das razas INRA 95 e Charolais Excelence para optimizar o valor cárnico nas ganderías leiteiras.

MANEXO

Esta sección contén dous artigos, un deles de Cristina Pilar, veterinaria especialista en recría, que presenta un traballo levado a cabo por un grupo de estudantes do Centro de Promoción rural-EFA Fonteboa, cuxo obxectivo foi demostrar a importancia de obter unha recría de calidade nas ganderías, e outro de Israel Flamenbaum (Cow Cooling Solutions), titulado “Efectos do estrés por calor e do arrefriado das vacas na economía da granxa leiteira (II)”.

Finalmente, Gregorio Salcedo (CIFP La Granja, Cantabria) presenta os resultados dun estudo no que se estiman os gases de efecto invernadoiro que emiten as explotacións cántabras e búscanse relacións cos factores de produción que proporcionen estratexias de mitigación e Xoán Ramón Alvite asina a sección de opinión co artigo “Cinco anos sen cotas: 4.000 gandeiros menos e medio millón de toneladas máis de leite”.