Unións Agrarias considera que a suba do prezo do leite proposto por por Pascual e Naturleite é insuficiente

Unións Agrarias considera insuficiente a suba de prezos proposta por dúas industrias, que comunicaron aos gandeiros cos que traballan a súa intención de incrementar as tarifas de recollida de leite en vigor.  A iniciativa foi de Pascual e Naturleite, as primeiras firmas que deron un paso adiante para actualizar os prezos do leite en orixe. A primeira subirá un céntimo por litro para o último cuadrimestre do ano e a segunda 2 céntimos por litro entre agosto e abril. Desde Unións consideran que as subas propostas "resultan insuficientes no momento actual, pois non permiten corrixir o diferencial que as explotacións galegas veñen arrastrando, con tarifas por baixo da media estatal, e compensar a forte subida dos custos de produción que, nos últimos meses, agravaron a situación das granxas".

A entidade valora estes primeiros pasos e confía en que nas próximas semanas poidan materializarse os acordos necesarios para acabar coa mala situación que as granxas galegas arrastran e garantir a súa rendibilidade. Nos próximos días reunirase cos gandeiros das principais zonas produtoras de Galicia para valorar a situación.

A organización fai un chamamento para que todas as administracións, así como as industrias lácteas e a distribución, se sumen a unha estratexia conxunta que permita garantir a rendibilidade do sector lácteo e conseguir unha repartición equitativa entre todos os elos da cadea.