UUAA acorda con tecores da Costa da Morte solicitar á Xunta que asuma o pago dos danos do xabaril

Unións Agrarias reuniuse con representantes dos Tecor de Muxía, Santa Comba, Zas, Mazaricos e Camariñas para analizar a situación dos danos do xabaril na agricultura. No encontro acordaron solicitar conxuntamente á Xunta de Galicia que asuma o pago dos danos provocados por esta especie, entre outras medidas para lograr a eficacia da caza social galega como principal ferramenta de xestión das poboacións de porco bravo en Galicia.

A actual lei establece a responsabilidade do pago dos danos da fauna cinexética aos Tecor e Sociedades de Caza, exonerando á Xunta do pago dos mesmos excepto nas zonas de caza libres. Os representantes dos cazadores reunidos e UUAA estiveron de acordo en que esa é unha “pretensión irreal, dado que as sociedades de caza non teñen capacidade económica para facer fronte aos máis de 14 millóns de euros que se estima que causa o xabaril na agricultura galega anualmente". Asemade, os colectivos reunidos coinciden en que o xabaril representa un problema social no rural galego, sendo xa o principal factor de risco da seguridade viaria, con máis de 3.200 accidentes de tráfico no ano 2019. Así como un problema ecolóxico, especialmente nos espazos protexidos e na Rede Natura; onde actúa como un depredador de fauna autóctona e protexida. Ademais, hai que lembrar o risco sanitario que o porco bravo representa para a cabana gandeira; ao funcionar como un vector de transmisión da Peste Porcina Africana.

Máis información