Unha mellora nos prezos do mercado portugués, o desexo da Aprolep para 2021

Tras facer balance da situación do sector no último ano, a Asociación de Produtores de Leite de Portugal (Aprolep) expresou o seu malestar por seguir traballando cuns prezos por baixo da media europea. “A pesar de que os nosos produtores pechan o ano coa sensación do deber cumprido, mantense tamén o sentimento de inxustiza”, manifestaron desde a directiva da asociación.

Os custos de produción aumentan cada ano, pero os prezos de venda de lácteos non avanzan a un ritmo equivalente no país luso. Por este motivo, desde a Aprolep esperan que o Ministerio de Agricultura portugués dea un paso atrás na súa decisión de reducir as axudas do actual Réxime de Pago Base (RPB). “Os produtores prefeririamos poder prescindir de axudas e recibir un prezo xusto polo leite producido pero, mentres isto non ocorra, as subvencións serán esenciais para a supervivencia do sector”, destacaron.

Entre as medidas que propoñen para a mellora da situación atópase o reforzo do pago ligado á adopción de eco-réximes adaptados ao sector que permitan un futuro máis eficiente e ecolóxico na produción de leite e no que se beneficie os agricultores preocupados por coidar o medio ambiente e por combater o cambio climático.

“En 2020, a produción de leite non parou, mentres que os niveis de contaminación se reduciron, demostrando así que a culpa do problema non a teñen nin as vacas nin os gandeiros. Esperamos que en 2021 os portugueses mostren a súa preferencia por produtos lácteos nacionais, co obxectivo de poder percibir un mellor prezo por parte da industria e a distribución, así como unha maior atención por parte do Goberno e da Unión Europea”, expresaron os portavoces da asociación.