Un macho nacido en Galicia, n.º 1 no mundo e futuro semental de ABS Global

Chámase Sanrecam Looping *RC, foi criado por San Rián SCG (Brión, A Coruña), SAT A Campa (Curtis, A Coruña) e Granxa Grilo (Bóveda, Lugo) e partía esta mañá cara ao centro de recolla que a multinacional ABS Global ten en Ruthin (Inglaterra).

Os datos de Looping non deixan indiferente a ninguén: é o animal co GTPI máis alto en Europa, con +2.984 puntos, un dos máis altos por mérito neto con +846 $ e é o touro con factor vermello número 1 do mundo por GTPI e NM$, un fito difícil de conseguir na actual era xenómica.

A historia de Looping comeza fai cinco anos, cando os tres propietarios compraron xuntos a súa avoa, Hulstein Lotus, nunha poxa en Alemaña. Lotus é descendente dunha profunda familia europea, as Vendairy Lidias, orixinaria de Italia e desenvolvida en Holanda.

Na seguinte xeración, xa nacida en Galicia, dúas das fillas de Lotus -Lady e Lotery- colocáronse entre as 50 mellores por GTPI e NM$ en Europa no seu momento. Lotery é a nai de Looping RC e Lady é a nai das dúas femias máis altas por GTPI en España: Lady 8217, con GTPI +2.791, e Lady 2956, con GTPI +2.769, ambas as dúas nacidas na SAT A Campa. Ao respecto de animais destacados tamén se refire Daniel Vidal, de San Rián: “Neste momento temos 7 femias con máis de 2.700 puntos de GTPI coas que imos seguir traballando, entre elas dúas irmás completas de Looping”.

Poñendo de novo o foco en Looping, “cómpre destacar que o alto valor xenético deste animal non é unha casualidade, pois o seu pai, Shimmer *RC, segue a ser o mellor touro con factor vermello con seme dispoñible e un dos touros máis demandados a nivel mundial”, afirma Pablo Reboiro, xefe de vendas de ABS Progenex.

O seme de Shimmer –e mais o doutros touros- está dispoñible cun previo acordo con ABS chamado Icon Sires, co cal as ganderías teñen acceso aos mellores touros da raza para conseguir un maior progreso xenético e ABS mantén a prioridade para a compra no caso de que se desexe comercializar dita descendencia, como é o caso de Looping.

O acordo Icon Sires xa establece un prezo de compra da descendencia, comparando o seu valor xenético cos sementais da súa idade a nivel mundial. Avanza Pablo que, se Looping mantén os seus índices xenéticos nos próximos meses, o seu valor pode superar os 50.000 dólares.