Suspendido temporalmente o Máster de Produción de Leite do Campus Terra de Lugo

A dirección do Máster de Produción de Leite do Campus Terra de Lugo (USC) decidiu suspender o curso 2020-2021 polas circunstancias provocadas pola pandemia orixinada pola covid-19.

As principais razóns polas que se tomou a decisión son as seguintes: a situación de incerteza de cara ao próximo curso académico séguese mantendo no tempo, é moi probable que o próximo curso académico na Universidade se inicie total ou parcialmente con docencia a distancia, este máster propio en produción de leite ten unha compoñente práctica elevada e non se pode garantir a viabilidade no acceso a instalacións, explotacións, industrias, cooperativas ou institucións, nas cales se desenvolven parte das actividades programadas no máster.

Aínda así, desde o equipo directivo confirmaron a súa firme vontade de manter a oferta académica no futuro e máis concretamente para o curso 2021/2022.