Smart4Milk ofrece un software de xestión de custos para ganderías do Grupo Lence

O proxecto Smart4Milk: análise de custos en ganderías do Grupo Lence, contratado a Medrar e analizado pola Universidade de Santiago de Compostela e a empresa MSD, busca que os gandeiros da compañía poidan coñecer os custos das súas explotacións a través dun software. Igualmente ten por obxectivo que estas ganderías se poidan comparar con outras, sabendo que é o que fan ben e onde poden mellorar.

A CEO do Grupo Lence, Carmen Lence, xunto ao director xeral de Agricultura, Gandería e Industrias Agroalimentarias da Xunta de Galicia, José Balseiros, presentou esta ferramenta nun acto no que estiveron presentes gandeiros que formaron parte do proxecto piloto, así como outros do grupo. No evento, interviñeron Jacobo Feás, doutor en Economía pola USC e coautor de Tecnicow, e Carlos Carbonell, técnico de vacún leiteiro de MSD, quen mostraron os resultados da análise comparativa 2020-2021, tras implantar a ferramenta.

Feás recalcou que “non existe unha estrutura óptima en canto a investimentos e dependerá de moitas circunstancias que rodean á gandería, das posibilidades de financiamento e das axudas que haxa en cada momento". Pola súa banda, Carbonell expuxo algúns datos da análise: "No último trimestre de 2020, en comparación a 2021, apréciase que o gasto en concentrado por tonelada de leite se incrementou case un 16 % e o custo en electricidade se incrementou nun 15 %, analizado en euros/vaca presente, e grazas a toda a análise realizada, tamén se pode concluír que o aumento da produtividade nas granxas é en torno ao 4 % en produtividade en leite vendido".

Balseiros, pola súa banda, destacou a innovación e dixitalización constante do Grupo Lence e puxo de manifesto que “os consumidores temos que concienciarnos en que temos que pagar máis polo leite que pola auga, temos que valorar o leite máis aló dun alimento, senón como o labor que fan os nosos gandeiros polo territorio”.