Seragro clausurou as súas XVIII Xornadas Técnicas con máis de 900 persoas inscritas

  • Esta tarde emitiuse o derradeiro módulo, no que se tratou o medio ambiente e a sustentabilidade da produción láctea.
  • Para pechar a cita emitiuse un vídeo co tradicional brinde do leite, no que participaron máis de medio cento de persoas.

Seragro SCG ofreceu hoxe o quinto e último módulo das súas XVIII Xornadas Técnicas de Vacún de Leite, as cales se celebraron de maneira integramente online e para as que recibiron máis de 900 solicitudes de inscrición. Esta sesión final abordou o medio ambiente e a sustentabilidade da produción láctea.

Fernando Estellés Barber, profesor de Ciencia Animal e Tecnoloxía da UPV, foi o encargado de abrir a cita expoñendo a magnitude real do problema que supoñen as emisións nas ganderías de produción de leite. “A produción de leite é unha actividade que ten un impacto sobre o medio, pero está xustificada a presión que está a recibir o sector?”, cuestionouse. A pesar dos impactos que presenta a produción animal desde o punto de vista do consumo de recursos e a produción de contaminantes, para Estellés a falta de contexto dos datos que se utilizan pode levar a magnificar o problema. “A gandería ten que contribuír a reducir as emisións de gases e ser máis eficiente ambientalmente, pero sempre desde un punto de vista realista e científico”, expuxo durante a súa intervención.

Seguiuno David Yáñez Ruíz, investigador científico do CSIC na estación experimental de Zaidín (Granada), que explicou que as granxas de leite, sobre todo as ligadas ao terreo cun compoñente de pastoreo e produción de alimentos propios, teñen un rango de posibilidades moi interesante para reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro. “As actuacións encamiñadas á redución de emisións pódense aplicar tanto a nivel de xestión do rabaño como na alimentación do animal e están asociadas na maioría dos casos a unha mellora da eficiencia produtiva da explotación”, recalcou o relator.

Seguindo o fío de Yáñez, Fernando Vicente Marinar, investigador do Serida, centrou o seu relatorio nas posibilidades de redución de emisións no campo. Advertiu que “para conseguir un sistema de produción de leite de vacún de calidade e sustentable adaptado ás condicións da cornixa cantábrica, é preciso xestionar a produción forraxeira en liña cos requirimentos da Política Agraria Común da Unión Europea, o Pacto Verde Europeo e as novas demandas sociais”. Para o experto é necesario, polo tanto, “fomentar a alimentación dos animais con forraxes producidas na propia explotación co propósito de avanzar no cumprimento dos obxectivos de desenvolvemento sustentable de Nacións Unidas incluídos na Axenda 2030”.

AS PREGUNTAS DA AUDIENCIA

Como en cada unha das sesións anteriores, os espectadores tiveron a oportunidade de formular as súas preguntas aos relatores. Nesta ocasión, o encargado de moderar foi José Luís Míguez, do Servizo de Calidade de Leite de Seragro.

 Entre as cuestións ás que atenderon os expertos, atopábanse peticións da audiencia para poder presentar argumentos firmes á hora de defenderse ante os ataques que reciben relacionados coa contaminación. Tamén se fixo alusión aos intereses ocultos tras a mala fama que se lle está dando ultimamente ao sector produtor e falouse da validez do sistema de cálculo da emisión de CO2/vaca. Así mesmo, enumeráronse consellos para mellorar a estrutura franca do chan e aludiuse á utilidade real do cambio da soia por colza para reducir problemas ambientais e á ensilabilidade e as vantaxes e desvantaxes de apostar por incluír a faba na alimentación.

OS MITOS LÁCTEOS E O TRADICIONAL BRINDE DO LEITE PECHARON A XORNADA

Para clausurar esta sesión, presentouse a charla de J. M. Mulet, catedrático de biotecnoloxía da UPV e divulgador científico, sobre os mitos sobre a saúde e a sustentabilidade asociados ao consumo de leite. “O leite é un alimento básico e fundamental e a gandería é unha actividade esencial para o mundo rural, ademais de ser un dos motores económicos do país. Como exemplo temos os meses de confinamento, cando, a pesar de estar todo parado, non houbo desabastecemento de alimentos porque a gandería e a agricultura seguiron traballando a pleno rendemento; iso non hai quen o negue”, destacou no seu relatorio.

É tradición destas xornadas que, como peche, a organización convide os asistentes a subir ao escenario para brindar con leite polo sector. Este ano, a pesar de celebrar as xornadas vía dixital, non quixeron esquecer esta dinámica, para a que, nesta ocasión, solicitaron a colaboración previa de relatores e inscritos. Deste xeito, como clausura do acto emitiuse un vídeo recompilatorio coas imaxes e fotografías de máis de medio cento de persoas brindando cos seus vasos de leite. 

Desde Seragro queren agradecer o apoio de todos os espectadores que seguiron as sesións desde os seus fogares, así como tamén a dedicación e implicación de todos os relatores que formaron parte destas xornadas. A organización empezará pronto a perfilar os contidos da edición de 2022 a cal, se as condicións o permiten, volverá celebrarse de maneira presencial.
Todas as sesións están dispoñibles enwww.xornadasseragro.com  

EN VÍDEO, O BRINDE DO LEITE