A Consellería do Medio Rural publica hoxe venres 29 de maio no Diario Oficial de Galicia (DOG) unha nova resolución pola que se prorrogan as medidas de prevención fronte á dermatose nodular contaxiosa (DNC), enfermidade que afecta ao gando bovino. A decisión estará en vigor desde o 1 ata o 30 de xuño, ambos incluídos, aínda que poderá ampliarse en función da evolución epidemiolóxica.
Desde a Xunta explican que a análise do risco sanitario, realizada de maneira permanente polos Servizos Veterinarios Oficiais da Consellería, aconsella manter polo momento as medidas cautelares establecidas en Galicia para seguir protexendo a cabana bovina.
Con esta resolución, continuarán permitidas as feiras, certames, poxas, mercados e concentracións de gando bovino con finalidade comercial, pero unicamente con animais procedentes de granxas galegas. Os vehículos chegados de fóra da comunidade deberán acceder ás instalacións baleiros, limpos, desinfectados e desinsectados. No caso de concursos, certames, poxas e exhibicións extraordinarias, seguirá sendo necesaria a autorización previa da Dirección Xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias.
Tamén se mantén o período de vixilancia veterinaria oficial de 28 días para os bovinos procedentes de ganderías situadas fóra de Galicia con destino a vida, desde a súa incorporación á granxa de destino. Durante ese prazo, todos os animais das explotacións que incorporen bovinos doutras partes de España ou do estranxeiro quedarán inmobilizados de forma cautelar.
A Xunta lembra ademais que seguirá sendo obrigatoria a desinsectación dos bovinos presentes na granxa receptora e dos vehículos de transporte de gando que entren en Galicia, tanto para vida como para sacrificio. Neste último caso, permítese a entrada sempre que os animais sexan trasladados directamente ao matadoiro.
Medio Rural reitera unha mensaxe de tranquilidade ao sector e á cidadanía, xa que non existe constancia de ningún caso desta enfermidade en Galicia e a DNC non se transmite ás persoas.
Por outra parte, a Xunta insiste en reclamar ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) unha maior coordinación entre comunidades autónomas e unha estratexia común para o control da enfermidade. Tamén pide que lidere, no marco da Unión Europea, unha vacina marcada que poida empregarse con carácter preventivo, así como unha revisión da categoría da enfermidade, actualmente calificada como A, a máis grave das existentes.