Preséntase o libro “El sector lácteo en España”, un traballo conxunto de 40 especialistas

Edelmiro López, profesor de Economía Aplicada na Universidade de Santiago de Compostela, e Manuel Lainez, consultor especializado en innovación agroalimentaria, coordinaron a obra El sector lácteo en España, que foi editada por Cajamar, coa colaboración da InLac.

O libro analiza a evolución experimentada polo conxunto do sector desde o ano 2016, cando desaparece o sistema de cotas lácteas e iníciase unha progresiva liberalización da produción. Para iso, contou coa participación de 40 especialistas na materia, procedentes do ámbito académico e investigador, das Administracións Públicas, así como de empresas e organizacións vinculadas ao sector lácteo.

A obra inclúe unha aproximación aos diferentes elos da cadea (explotacións gandeiras, industria, distribución e consumo), ademais da organización e vertebración de todos e cada un dos seus actores, con especial atención ao papel que exercen a interprofesional e as empresas cooperativas en España.

O contido da monografía, que roza as 400 páxinas, estrutúrase en 8 grandes epígrafes e 20 capítulos que percorren o conxunto da cadea de valor e as súas especializacións (leite de vaca, de ovella e de cabra), partindo da diversidade de rexións produtoras no noso país, e desde unha perspectiva comparada co mercado europeo e global. Ademais, o libro inclúe aproximacións transversais relacionadas con aspectos como os cambios na Política Agraria Común, a xestión do impacto ambiental das explotacións, os cambios recentes nos hábitos de consumo e o papel dos lácteos nunha dieta saudable.

Entre os temas que se tratan, atópase a realidade socioeconómica do sector lácteo en España, que conta co fiel retrato de José Manuel Andrade, Alfonso Ribas, Adrián Botana, Bernardo Vadês, Ibán Vázquez, Ana Charle, Irene Ruiz ou Francisco Sineiro. Tamén recolle a tecnoloxía e a produción da man de e Ramiro Fouz, Juan José Núñez, Gonzalo Flores, Fernando Freire, César Resch, Roberto Lorenzana ou Adrián Botana, entre outros.

Descarga o libro aquí