Amplíase o prazo de presentación da solicitude única das axudas da PAC ata o 15 de xuño

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou hoxe a orde da Consellería do Medio Rural pola que se amplía ata o vindeiro día 15 de xuño o prazo de presentación da solicitude única das axudas da Política Agraria Común (PAC). Tamén se establece que, unha vez rematado o prazo, poderase modificar a solicitude ata o 30 de xuño, incluído. Estes e outros cambios na lexislación da norma introdúcense tanto por esixencias técnicas como pola adecuación á nova normativa de aplicación.

Con isto, tense en conta o real decreto-lei 4/2022, do 11 de maio, polo que se adoptan medidas urxentes fronte á seca e as consecuencias da invasión rusa de Ucraína. Esta norma regula unha adaptación de diversos prazos e condicións para a campaña deste ano da PAC que, en particular, afecta aos prazos de presentación e modificación da solicitude única.

Ademais, a consecuencia do proceso de xestión da primeira modificación, cambiaron dous artigos da orde coa finalidade de que a degresividade poida aplicarse sen deixar ningunha superficie comprometida sen axuda. A maiores, tamén se modifica outro artigo para aliñar os compromisos da axuda cos obxectivos da agricultura ecolóxica, polo que se elimina o compromiso de comercialización.