- Presentáronse estratexias para o control da mamite e o Cryptosporidium, mentres que unha mesa redonda xirou arredor da remuda xeracionalno sector
- Vaca Pinta, en colaboración coa Facultade de Veterinaria de Lugo, premiouos mellores Traballos de Fin de Grao relacionados co gando vacún
O auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo acolleu a tradicional xornada técnica anual sobre temas de actualidade do sector vacún leiteiro organizada pola Asociación Provincial de Gandeiros de Lugo para o Control de Rendementos, Africor Lugo, e a revista técnica Vaca Pinta.
A conselleira do Medio Rural da Xunta de Galicia, María José Gómez, presidiu o acto institucional, acompañada de Manuel Sandamil, presidente de Africor Lugo; José Manuel Gegúndez, director executivo de Vaca Pinta; Iván Castro, deputado de Participación Cidadá na Deputación de Lugo; Víctor Pereira, vicedecano da Facultade de Veterinaria (Universidade de Santiago de Compostela), e José Manuel López, representante de Caixa Rural Galega.
Os relatorios desta edición puxeron o foco en temáticas como a vacinación para o control das mamites, as estratexias fronte ao Cryptosporidium, o deseño de instalacións para o robot de muxido e a remuda xeracional.
A xornada comezou ás 10:15 h coa presentación de José Bernardo, director territorial na zona noroeste e Canarias de Agroseguro, que explicou as cifras actuais sobre o seguro de vacún en Galicia. Destacou a mellora constante do capital asegurado na comunidade autónoma.
A continuación, tomou a palabra Juan Pascual, coautor do libro La guerra por la proteína animal. Remarcou o valor dos alimentos de orixe animal e a capacidade dos rumiantes para aproveitar pastos e terras non cultivables.
Despois da pausa para o café, Patricia de Celis, veterinaria en Gescal Veterinarios, expuxo o papel da vacinación no control das mamites. Máis tarde, Laura Elvira, veterinaria en MSD Animal Health, presentou o relatorio “Do quebracabezas ao control: gañando a batalla ao Cryptosporidium”.
Alberto Jurado, responsable de instalacións gandeiras da cooperativa Covap, subliñou as claves para o deseño de instalacións para o robot de muxido. A amplitude é unha das claves nas naves, “sobre todo, arredor do robot”, indicou.
A sesión da tarde centrouse na remuda xeracional. Por unha banda, Rubén López, veterinario en Campoastur, presentou o programa Campoastur Next. A través desta iniciativa, a cooperativa asturiana pretende acompañar, formar e impulsar a mocidade que quere incorporarse ao sector agro-gandeiro ou tomar a remuda nas súas ganderías.
Por outra banda, levouse a cabo unha mesa redonda conducida por Luis García, director do centro de promoción rural EFA Fonteboa, na que diversas persoas gandeiras novas ofreceron as súas impresións sobre o estado do sector. Participaron Pablo Rodríguez, de Ganadería Xuíz (Bóveda, Lugo); Alberto Cascudo, de Finca Carballeira (Castroverde, Lugo); María Castro, de Ganadería Portalousa (Xermade) e Mónica Requeijo, de As Vacas dos Meus (Abadín, Lugo).
Premios aos mellores Traballos de Fin de Grao
Vaca Pinta, en colaboración coa Facultade de Veterinaria, aproveitou a xornada para premiar os mellores Traballos de Fin de Grao relacionados co gando vacún presentados nesta facultade lucense no curso académico 2024/2025.
María Belén Hernández levou o primeiro premio polo seu “Estudo epidemiolóxico da enfermidade hemorráxica epizoótica e o seu impacto clínico e produtivo no gando bovino de Galicia”. Así mesmo, os segundos premios recaeron en Lucía Díaz, polo traballo titulado “Determinación dos metabolitos do cortisol fecal como biomarcador do estrés por calor en vacún leiteiro en Galicia”; en Clara García, por “Endometrite no gando vacún leiteiro”; e en Mario Merino, por “Ecografía pulmonar como ferramenta diagnóstica en gando de leite”.