Preto dun centenar de persoas asistiron esta mañá en Santiago de Compostela á primeira presentación pública da carne certificada pola nova Indicación Xeográfica Protexida Vaca e Boi de Galicia. O acto, organizado polo Consello Regulador das IXPs de Carne de Vacún de Galicia, contou coa asistencia da conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, e da directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, xunto con membros do pleno do Consello Regulador, profesionais da produción, da industria cárnica e da distribución, gastrobloggers, medios de comunicación e representantes da Administración autonómica.
Os asistentes puideron coñecer de primeira man as características desta carne, que xa conta cunha protección de calidade para o seu fomento produtivo e a súa promoción á hora da compra, nunha aposta do sector de vacún de carne galego pola transparencia comercial, o control e a rastrexabilidade do produto, ata chegar ao consumidor final correctamente etiquetada e diferenciada.
A IXP Ternera Gallega crece no campo e consolídase no mercado
Tamén esta mañá, o presidente da Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega Jesús González Vázquez asegurou nunha rolda de prensa, acompañado da conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, e dos demais membros do pleno do Consello Regulador, que esta IXP crecera en campo e consolidara as súas cifras de mercado durante 2017, con crecementos notables no número de animais rexistrados (un 6%), superando por primeira vez as 133.000 cabezas, e de explotacións gandeiras inscritas (un 1,1%), conseguindo as 8.249 explotacións, a pesar do contexto de descenso de efectivos no rural.