Presentación do Ciclo de Conferencias en AgroRobótica

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus Terra organiza unha nova edición do Ciclo de Conferencias en AgroRobótica, que terá lugar o mércores 19 de xullo no Salón de Actos e nos Campos de Prácticas do centro en Lugo. A robótica agrícola é un sector en expansión ao que os estudos de mercado lle augura un rápido crecemento e implantación. Na EPSE do Campus Terra impártese o Grao en Robótica, o único de España que oferta a posibilidade de especializarse en AgroRobótica.

A edición do ciclo de conferencias en AgroRobótica deste ano pon o foco no Grupo Internaco, creado en 1976 que ten a súa sede central en Ordes (A Coruña) e que se ten destacado nos últimos anos pola súa aposta no sector da AgroRobótica. Os relatores que intervirán na xornada serán Sergio Grau, director de vendas de AG Group; Carlos Rivera, responsable de vendas de produtos Husqvarna a batería en España e Portugal; Josep Dalmases, responsable do Departamento de innovación de Ag Group, e Sophie Graillot, representante da empresa francesa Naio Technologies en España.

Unhas das novidades da presente edición é que as conferencias poderán complementarse con demostracións nos campos de prácticas da EPSE. A asistencia ao ciclo de conferencias é gratuíta ata completar aforo, polo que se require inscrición previa nesta web.