Medio Rural recomenda a vacinación voluntaria dos bovinos ante a detección de casos de lingua azul dos serotipos 3 e 8

Medio Rural recomenda a vacinación voluntaria dos bovinos ante a detección de casos de lingua azul dos serotipos 3 e 8

A Consellería do Medio Rural comunicou ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), a través da Rede de Alerta Sanitaria Veterinaria, a primeira detección en Galicia de animais bovinos infectados polos serotipos 3 e 8 da lingua azul. A confirmación foi realizada polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete (Madrid). En total, detectáronse cinco focos distribuídos polas catro provincias galegas, que se deben notificar oficialmente ao tratarse dos primeiros casos rexistrados en cada unha delas. Estes serotipos non foran detectados ata agora na nosa comunidade, onde si se ten visto a circulación do serotipo 4 desde 2023.

No territorio peninsular xa non existe un programa xeral de erradicación fronte a esta doenza, con vacinación obrigatoria. Deste xeito, de cara a estes novos serotipos, a Xunta de Galicia aconsella a vacinación voluntaria de bovinos e ovinos como ferramenta máis efectiva para previr a infección nos animais. As vacinas fronte a estes serotipos están dispoñibles nas canles comerciais habituais de subministración de medicamentos veterinarios, previa prescrición por parte dun profesional autorizado.

Tamén se recomenda evitar nas instalacións gandeiras as zonas de cría dos insectos vectores (zonas húmidas con materia orgánica, terra ou esterco) e a realización periódica de desinsectación de animais, instalacións e vehículos de transporte de gando. Lémbrase ademais a obrigatoriedade dos gandeiros de comunicar aos servizos veterinarios oficiais do Medio Rural calquera sospeita da enfermidade que detecten nos seus animais.

A lingua azul non afecta ás persoas, só aos animais ruminantes, que ademais non se contaxian entre eles, senón que o fan a través da picadura dun insecto vector transmisor. Tampouco existe ningunha posibilidade de contaxio nin risco para as persoas polo consumo de produtos procedentes de exemplares afectados.