A Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, a través de Xenética Fontao, e a Real Federación Española de Asociacións de Gando Selecto (Rfeagas) reforzarán a súa colaboración en materia de análises de ADN en animais de diversas razas puras. O obxectivo deste acordo é seguir avanzando na mellora xenética.
A titular do departamento e presidenta da empresa pública mercantil Xenética Fontao, María José Gómez, e o presidente da devandita federación, José Luis Urquijo, asinaron este xoves en Lugo un convenio de cooperación. O acordo permitirá a realización de 60.000 análises nos próximos dous anos para a determinación de parentesco e xenotipado, así como para ofrecer asesoramento técnico.
No acto, a conselleira subliñou que "Xenética Fontao é un referente a nivel nacional e internacional". Ademais, destacou que "parte dunha situación privilexiada para a captación de fondos en materia de investigación e innovación para a mellora xenética".
Coa sinatura deste convenio ponse de manifesto que a incorporación da biotecnoloxía do ADN nos programas de mellora xenética resulta clave para o seu desenvolvemento, con aplicacións tan importantes como as análises de filiación, os controis de rastrexabilidade, o diagnóstico de enfermidades e anomalías xenéticas ou a identificación de variantes xenéticas relacionadas con caracteres produtivos e morfolóxicos.
Ademais da colaboración establecida entre ambas partes para a execución deste programa en ovino de leite e vacún de carne, cómpre destacar que a Federación e Xenética Fontao manteñen unha traxectoria de cooperación de máis de 20 anos na realización de análises de ADN en animais de razas bovinas, ovinas e caprinas asociadas a esa entidade.