A consellería do Medio Rural publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución pola que se dá publicidade ás axudas para o control de rendemento leiteiro ás entidades oficialmente recoñecidas para a realización destas tarefas en Galicia. As achegas ascenden a un millón de euros, cantidade idéntica á da convocatoria anterior, e benefician as Africores da Coruña, Lugo e Pontevedra.
Con esta liña de apoios quérese compensar en parte, mediante axudas proporcionais, os gastos xerados ás entidades oficialmente recoñecidas para a realización do control leiteiro en Galicia, atendendo aos importantes beneficios que o sector no seu conxunto recibe pola implantación xeneralizada deste sistema.
Así, as actividades subvencionables a realizar polas entidades beneficiarias son todas aquelas destinadas a comprobar sistematicamente as producións e outras aptitudes funcionais das femias reprodutoras leiteiras, para a determinación do valor xenético e os méritos ou outras capacidades dos animais, no marco dun programa de cría aprobado oficialmente para a raza.
Este control de rendemento leiteiro ten unha influencia directa no futuro do sector lácteo galego como base da mellora xenética nos esquemas de selección e desde o punto de vista da sustentabilidade e rendibilidade económica das explotacións. Xa que logo, os beneficiarios últimos desta iniciativa son os propios gandeiros e, por extensión, os consumidores, na medida en que o control incide directamente na mellora da calidade final do produto. Así mesmo, as melloras xenéticas e tecnolóxicas que se logran grazas ao control de rendemento leiteiro benefician a todo o subsector lácteo.