A Consellería do Medio Rural manterá vixentes ata o 1 de febreiro de 2026, inclusive, as medidas preventivas fronte á dermatose nodular contaxiosa, co obxectivo de protexer a cabana bovina galega. A resolución que dá continuidade ao dispositivo, cuxa vixencia remataba o 31 de decembro, publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG) este martes, 30 de decembro, e poderá prorrogarse en función da evolución epidemiolóxica.
Segundo informou o departamento autonómico, séguese permitindo a celebración de feiras, certames, poxas, mercados e concentracións de gando bovino con finalidade comercial, sempre que participen animais procedentes de explotacións galegas. No caso de concursos, certames, poxas e exhibicións extraordinarias, será necesaria autorización previa da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, e limitarase a asistencia a reses de granxas da comunidade.
Entre as principais cautelas, mantense un período de vixilancia veterinaria oficial de 21 días para bovinos que cheguen de fóra de Galicia con destino a vida. Ademais, as explotacións que incorporen estes animais quedarán inmobilizadas de xeito cautelar durante ese mesmo prazo, afectando ao conxunto do gando presente.
Tamén continúa a obriga de desinsectar os bovinos da explotación de destino e todos os vehículos de transporte que entren en Galicia. Para animais con destino a sacrificio, permítese a entrada se van directamente a matadoiro. Os Servizos Veterinarios Oficiais reforzarán controis, coa colaboración das Forzas e Corpos de Seguridade.
Malia esta decisión, a Consellería lanzou unha mensaxe de tranquilidade: non hai casos en Galicia e a doenza non se transmite ás persoas. Ao tempo, pide ao Ministerio unha maior coordinación e que impulse na UE unha vacina marcada preventiva, ademais de revisar a clasificación da enfermidade, actualmente considerada da máxima gravidade.