A Consellería do Medio Rural publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria dunha nova poxa pública de 44 exemplares de raza Rubia Galega criados no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), que terá lugar o vindeiro venres 10 de xullo ás 11:30 horas no salón de actos.
A licitación e a información dos lotes pódense consultar na web da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, e a inscrición para participar na poxa realizarase a través da sede electrónica da Xunta. Ademais, os licitadores interesados terán a posibilidade de revisar os animais de maneira presencial o mércores e o xoves entre as 10:00 e as 13:00 horas, e o propio venres, entre as 09:00 e as 11:00 horas, nas dependencias do CIAM.
O centro desenvolve importantes actividades de investigación en materia de mellora xenética para a recuperación das aptitudes maternais da raza Rubia Galega, onde dispoñen dun dos rabaños máis importantes. Trátase da terceira vez que se convoca unha poxa deste tipo, debido ao gran número de animais cos que contan neste centro, os cales se queren poñer a disposición dos gandeiros interesados.