A Consellería do Medio Rural de Galicia publicará este mércores 29 de abril, no Diario Oficial de Galicia (DOG), unha nova resolución pola que se prorrogarán un mes máis as medidas de prevención da enfermidade da dermatose nodular contagiosa (DNC). Esta decisión estenderase desde o 1 ata o 31 de maio. Non obstante, este período pódese ampliar en función da evolución epidemiolóxica da doenza.
A análise de risco sanitario existente, que se realiza de maneira permanente polos Servizos Veterinarios Oficiais da Consellería, aconsella manter estas medidas cautelares. A súa finalidade é “continuar salvagardando e protexendo a cabana bovina da comunidade”, subliñan desde o Departamento do Medio Rural.
Con esta resolución, seguen permitidas as feiras, certames, poxas, mercados e concentracións de gando bovino con finalidade comercial, aínda que só con asistencia de animais procedentes de ganderías galegas.
En relación á celebración extraordinaria de concursos, certames, poxas e exhibicións, continuará sendo necesaria a autorización previa da Dirección Xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural. No caso de levarse a cabo, sería tamén coa asistencia só de animais de ganderías de Galicia.
Vixilancia veterinaria de 28 días
Ademais, por segundo mes consecutivo, estará en vigor o período de vixilancia veterinaria oficial de 28 días para todos os bovinos procedentes de ganderías localizadas fóra da comunidade galega. Todos os animais das ganderías que incorporen bovinos procedentes doutras partes do territorio español ou do estranxeiro quedarán inmobilizados de maneira cautelar durante o mesmo período de tempo.
Tamén se mantén a obriga de desinsectar todos os bovinos da explotación receptora e os vehículos de transporte que realicen entradas de gando a Galicia, tanto para vida como para sacrificio. No caso de sacrificio, permítese a entrada se o traslado é directo ao matadooiro.
Os Servizos Veterinarios Oficiais continuarán coas actuacións de inmobilización, vixilancia sanitaria e controis de limpeza e desinsectación, con apoio das forzas de seguridade.
A Xunta reitera unha mensaxe de tranquilidade: non hai constancia de casos en Galicia e a enfermidade non se transmite ás persoas.