Máis industrias confirman subidas no prezo do leite

No día de onte facíase público que as empresas Pascual e Naturleite se comprometeran cunha suba dos prezos do leite en orixe. A primeira subirá un céntimo por litro para o último cuadrimestre do ano e a segunda, 2 céntimos por litro entre agosto e abril. 

Hoxe coñecemos que hai máis industrias que se suman a este movemento, como son Covap, Lactiber, Iparlat e Làctia. Todas elas acaban de anunciar que a partir de agosto subirán 2 céntimos por litro de leite aos seus gandeiros. 

É así como certas empresas lácteas intentan corrixir a situación que as explotacións leiteiras veñen arrastrando con motivo da forte subida dos custos de produción. Se ben o prezo medio recibido polas granxas españolas para a produción do ano 2020 foi de 0,332 euros por litro, o estudo do Observatorio da Cadea Alimentaria do Ministerio da Agricultura cifra o custo medio de produción en 0,3565 euros por litro.

Ante estas cifras, son varias as organizacións de produtores e sindicatos, como Sindicato Labrego Galego, que cualifican as subidas como insuficientes e pídenlle aos gandeiros que tomen a iniciativa e se comuniquen coas industrias coas que traballan para consultar que previsión teñen de implementar incrementos no prezo.

Espérase tamén que estas subidas se traduzan en incrementos de prezos por parte da distribucion nos liñais dos supermercados.