Os expertos da terceira Xornada Técnica de Seragro poñen o foco na nutrición e a economía

Seragro SCG emitiu esta tarde o terceiro módulo das súas XVIII Xornadas Técnicas de Vacún de Leite, as primeiras da súa historia que se realizan de maneira totalmente virtual. A sesión de hoxe, centrada na economía e a nutrición, superou os 800 inscritos, que puideron seguir en directo as charlas a través de www.xornadasseragro.com, onde xa están dispoñibles para velas en diferido.

ANEIROS, COSTER E UDINA, Os EXPERTOS DO TERCEIRO MÓDULO

O encargado de abrir a sesión de hoxe foi Alejandro Aneiros Martínez, enxeñeiro agrónomo do Servizo de Xestión Técnico-Económica de Seragro. Durante o seu relatorio respondeu á pregunta canto custa producir un litro de leite en Galicia e falou sobre a influencia da nutrición. Expuxo que unha granxa é unha empresa, polo que ten que xerar beneficios e para conseguilos é necesario axustar os custos de produción. "Todos temos claro que as granxas son empresas que teñen que facer fronte aos pagos, recuperar os investimentos acometidos, poder reinvestir para que o negocio siga sendo viable e xerar beneficios, como calquera outro negocio”, destacou o enxeñeiro agrónomo.

Continuou o enxeñeiro agrónomo especialista en nutrición animal e asesor independente en Holanda Albart Coster, quen centrou a súa charla na mellora da calidade do leite mediante a nutrición. Para complementar as súas palabras mostrou vídeos gravados nunha granxa neerlandesa, xunto con estudos publicados para remarcar os aspectos importantes que permiten conseguir bos contidos de leite. "Existe unha variabilidade estacional moi grande nos contidos do leite; tanto a graxa como a proteína poden chegar a mínimos no verán”, indicou o enxeñeiro.

Para pechar este terceiro módulo, o veterinario especialista en ensilado de forraxes Alexandre Udina puxo o foco nos ensilados de herba. O experto afirmou que poden ser un risco se a fermentación non é boa, xa que a presenza de clostridios e outros patóxenos poden dar moitos problemas ás vacas. Pola contra, tamén dixo que un bo silo de herba e de calidade achega fibra dixerible que dará graxa en leite, engade enerxía que dará produción de leite e proteína que reducirá a necesidade doutras externas, como a soia. "O raigrás ten unha fermentabilidade media, polo que é máis fácil de ensilar que unha leguminosa, pero máis difícil que un millo”, resaltou o veterinario.

A AUDIENCIA PREGUNTA, Os PROFESIONAIS RESPONDEN

Despois de finalizar as exposicións, tivo lugar unha rolda de preguntas moderada polo técnico veterinario do Servizo de Alimentación de Seragro Albino Iglesias, na que Aneiros, Coster e Udina responderon as preguntas que os espectadores tiveron a oportunidade de enviarlles durante as súas intervencións.

O impacto económico dos investimentos nas explotacións, as amortizacións das granxas, os clostridios, o nitrato no silo, que forma a práctica dos ensilados de comida completa, as condicións recomendables para a externalización da recría, como inflúe o picado no butírico, funcionamento do densitómetro, fontes de proteína protexidas ou a variación estacional da graxa e a proteína foron algúns dos temas que saíron na rolda de preguntas que pechou este terceiro módulo.

BRINDE DO LEITE PARA CONCLUÍR As CHARLAS

As exposicións online continúan os días 18 e 19 de novembro. Durante os dous últimos módulos poranse encima da mesa a saúde desde o primeiro día, o medio ambiente e a sustentabilidade da produción láctea. Ademais, pecharase co tradicional brinde do leite. As sesións celebraranse a partir das 15:30 horas, ambos os días, e poderanse seguir en directo a través de www.xornadasseragro.com.

Todos os vídeos dos módulos celebrados xa están dispoñibles enwww.xornadasseragro.come segue aberto o prazo de inscrición para as últimas charlas.