Os concursos de gando frisón de Abanca Cimag-GandAgro volverán converter esta feira nun referente para a raza

A IV Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Abanca Cimag-GandAgro, a cal se celebrará do 2 ao 4 de marzo na Feira Internacional de Galicia Abanca, volverá converterse nun referente para a raza frisona a través da celebración dos seus concursos. Organizados pola Federación Frisona Galega (Fefriga) coa colaboración da Fundación Semana Verde de Galicia, terán como eixos principais os concursos morfolóxicos, os cales se levarán a cabo o 4 de marzo. Estes serán o Concurso Autonómico da Raza Frisona Fefriga e o Open Internacional da Raza Frisona GandAgro. 

Os exemplares participantes competirán polos títulos de Campiona de Galicia e Campiona Internacional nas categorías de xata, xovenca, vaca nova, vaca intermedia e vaca adulta; e polo de Gran Campiona de Galicia e Gran Campiona Internacional nas de xovencas e vaca. Tamén se recoñecerá ao Mellor Criador Autonómico e Mellor Criador Internacional tanto absoluto como de xovencas. ademais da Mellor Gandería de Nova Participación.

A estes certames sumarase o venres 3 de marzo o XXXVI Concurso Internacional de Novos Manexadores Memorial Luís Louzao. Engadirase, o mesmo día, o XIV Concurso Internacional de Novos Preparadores de Gando GandAgro´23. O prazo de inscrición para participar nestes concursos xa está aberto, finalizando o día 23 de xaneiro.

Co obxectivo de seguir avanzando na organización destes eventos, o comité organizador dos de frisón reuniuse a finais da semana pasada na Feira Internacional de Galicia Abanca. Os seus membros seguirán traballando nos próximos días para que estes concursos cumpran ao máximo coa súa finalidade.