Os colexios profesionais de enxeñarías agrónoma, de montes e forestal e de técnicos agrícolas buscan promover unha xestión racional da terra

O Muvicla (Láncara, Lugo) foi o último punto de encontro dos colexios profesionais de Enxeñeiros Agrónomos, Enxeñeiros de Montes, Enxeñaría Técnica Forestal e Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de Galicia. O motivo da reunión foi definir as liñas de traballo para promover a mellora e implicación da sociedade en xeral no aproveitamento racional da terra, co obxectivo de evitar que se viva de costas a algo tan elemental como é a produción de agrogandeira e forestal e o coidado do medio ambiente, sinalaron.

En definitiva, nesta xuntanza deron forma á súa aposta en común para trasladar a toda a poboación a necesidade de prestar atención a todos os actores que interveñen na cadea alimentaria como valores esenciais na calidade de vida.

Estes colexios engloban a máis de 2000 profesionais que contan coa formación e vocación máis axeitadas para a xestión do medio rural. Os seus coñecementos permiten xestionar 2.700.000 ha do territorio galego dedicadas a aproveitamentos agrogandeiros e forestais, vitais para o desenvolvemento rural e para reverter a actual dinámica de abandono da terra e a caída demográfica. A posta en valor deste territorio repercute favorablemente no conxunto da sociedade, xa que é unha despensa de alimentos de proximidade de alta calidade, os cales son máis necesarios que nunca na actual situación convulsa na que nos atopamos.