Norvento, Agroamb e Lence impulsarán Riazor, unha innovadora planta de xeración de biogás mediante a xestión circular de residuos agroalimentarios

Norvento, Agroamb e Lence únense na promoción do proxecto Riazor, unha planta de xestión circular de residuos e xeración de biogás que se situará no polígono de O Ceao (Lugo).

O proxecto Riazor, para o que se prevé destinar un investimento de 7,5 millóns de euros, permitirá valorizar residuos orgánicos e non perigosos xerados principalmente na industria láctea, aínda que ofrecerá a outras industrias agroalimentarias e organismos públicos locais a oportunidade de xestionar os seus refugallos nunha instalación que combina unha planta de biogás, un sistema de humidais e un sistema biolóxico para a eliminación de cheiros.

Calcúlase que a planta teña unha capacidade de xestión unha media de 55.000 toneladas de residuos anuais cos que se xerará biogás que será inxectado e comercializado a través da rede nacional de gas natural. O modelo de economía circular e de proximidade no que está baseado posibilitará que o proxecto sexa economicamente sustentable pola súa propia actividade mediante a comercialización de enerxía limpa. Estímase que, durante a súa vida útil, a planta evitará emisións de gases de efecto invernadoiro por un volume de 37.300 toneladas de CO2 equivalentes, asociadas á xestión de residuos.

Así mesmo, o dixestato da planta de biogás permitirá xerar un compost orgánico destinado ao sector primario e un efluente líquido que será tratado nun sistema de humidais situado nas instalacións, asegurando que outros compostos químicos, como o nitróxeno, sexan capturados de maneira eficiente no proceso, cumprindo cos estándares máis esixentes de calidade da auga para a súa reutilización en aplicacións industriais. Ademais, a planta contará cun sistema de tratamento biolóxico de cheiros para atrapar compostos olorosos, minimizando o impacto ambiental.