XORNADA DE LELY SOBRE GRANXAS XL

Lely impulsa a eficiencia en granxas de gran tamaño con muxido robotizado e tráfico libre

A compañía holandesa Lely reuniu en Binéfar (Huesca) gandeiros e expertos do sector lácteo nunhas xornadas centradas no concepto Dairy XL e na xestión de grandes rabaños. O encontro, celebrado a finais de marzo, incluíu tamén unha visita á gandería Cal Espinal (Oliana, Lleida), equipada con oito robots Lely Astronaut A5 e referente na implantación do modelo XL en Cataluña. Máis en Vaca Pinta 59.

Durante o evento, onde tivemos a oportunidade de conversar con algúns relatores, quedou patente que o muxido automatizado combinado co tráfico libre se sitúa como unha das solucións máis eficaces para mellorar a produtividade, o benestar animal e a organización do traballo en ganderías de gran tamaño.

Un modelo orientado ao rendemento, benestar e eficiencia

Steven Lorent, responsable de vendas do clúster Francia-Iberia de Lely, explicou que a compañía conta xa con 482 granxas XL en todo o mundo, das cales un 25 % supera os 45 kg de leite por cabeza ao día. Este rendemento está directamente ligado ao modelo de manexo baseado no tráfico libre.

“Co tráfico libre a vaca decide cando comer, descansar ou muxirse, o que reduce o estrés, mellora a saúde e o benestar e aumenta a produción”, destacou. Ademais, subliñou o impacto positivo na organización das tarefas: o robot funciona as 24 horas, o que permite que ao iniciar a xornada gran parte do traballo estea xa realizado.

Este sistema tamén diminúe a necesidade de man de obra dedicada ao movemento de animais, xa que as vacas acceden de forma autónoma ao muxido. Segundo Lorent, o crecemento do clúster en España, Francia e Portugal confirma a forte demanda desta tecnoloxía, especialmente no contexto español, onde o modelo XL encaixa coa evolución das granxas.

Entender a vaca, clave do éxito

Gumersindo de la Riera, veterinario, incidiu na importancia de interpretar o comportamento animal para optimizar o sistema: “Escoitar as vacas significa entender que necesitan e comprender se o manexo é correcto”.

O experto resaltou que o robot achega unha gran cantidade de datos, pero o seu valor depende dunha correcta interpretación e adaptación ao gando. Neste sentido, o tráfico libre permite que as vacas dediquen máis tempo a actividades naturais que favorecen o seu benestar e produtividade.

De la Riera foi claro ao comparar sistemas: “Non vexo vantaxes en modelos sen tráfico libre, onde se interrompe o descanso e se concentran os animais. Co robot, o tempo de muxido redúcese a uns 20-30 minutos e intégrase na súa rutina diaria”.

Datos, nutrición e manexo, piares do sistema

Ángel Ávila, veterinario especializado en nutrición, enumerou tres factores clave para lograr altas producións: muxido, camas e alimentación. Na súa opinión, a robotización posibilita un control exhaustivo do negocio grazas aos datos xerados.

“As granxas robotizadas ofrécenlles tranquilidade ás vacas e permiten optimizar o rendemento. O tráfico libre favorece que o animal se comporte de forma natural: come, descansa e móxese cando quere”, sinalou. Ávila engadiu que este sistema fomenta un ambiente sen estrés, fundamental para alcanzar altos niveis produtivos.

Pola súa parte, David García Torres, veterinario, lembrou a evolución do sector desde os primeiros robots instalados en Cataluña, cando apenas existía coñecemento técnico. Actualmente, considera esencial adaptar a tecnoloxía aos obxectivos de cada gandeiro e ao seu sistema de alimentación.

“O benestar é leite e o leite é negocio”, resumiu. García Torres remarcou, ademais, o papel clave dos asesores en integrar o muxido robotizado co manexo global da gandería.

Cal Espinal, un exemplo de granxa XL con tráfico libre

A visita a Cal Espinal permitiu comprobar en campo os resultados do modelo. Joan Angrill, propietario, valorou moi positivamente a implantación do sistema: “Non esperabamos un cambio tan favorable, en especial na tranquilidade das vacas, que se traduce en máis produción”.

As vacas na zona robotizada alcanzan os 44 litros por día, fronte aos 36 do resto da explotación. Angrill anotou que a elección do tráfico libre foi clave para evitar que os animais permanecesen de pé longos períodos.

José Alberto Sicilia, veterinario responsable de Cal Espinal, expuxo que a robotización non consiste en substituír persoas, senón en mellorar a eficiencia do traballo: “Os robots achegan regularidade e o persoal céntrase en supervisar e optimizar procesos”.

Actualmente, traballan cunha ratio de 1,2 persoas para 8 robots e 370 exemplares, o que reduce a competencia entre animais e mellora o fluxo cara ao muxido. Sicilia tamén apuntou a desaparición total de accidentes e a mellora no benestar, ao evitar desprazamentos longos: “A vaca xa non percorre quilómetros, senón apenas uns metros ata o Astronaut”.

César García, veterinario especialista en nutrición, engadiu que a alimentación é determinante neste sistema: “A clave está no comedeiro. Racións dixestibles favorecen o tránsito e estimulan o paso polo robot”.

A adaptación ao sistema foi rápida e os resultados positivos consolidáronse en pouco tempo. De cara ao futuro, Angrill aposta por robotizar completamente a explotación, nun contexto onde a dispoñibilidade de man de obra é cada vez máis limitada.

Fuentes del Tajo, alta produción con robotización

Outro exemplo salientable é Fuentes del Tajo, onde Miguel Ángel Sáez (propietario) e Gabriel Bogdan (encargado) xestionan 620 vacas con 10 robots Lely. A produción media alcanza os 48,7 kg por res ao día, con 2,6 muxidos diarios.

Sáez sinalou que a robotización implica un cambio estrutural importante, pero puxo de manifesto a evolución positiva do sistema nos últimos anos: “Estamos no camiño para que este modelo sexa o referente do sector”.

Bogdan puxo o foco no factor humano: “O persoal debe estar preparado para garantir o benestar animal. A estabilidade do equipo reflíctese directamente na produción”.

Ambos coincidiron en que o obxectivo final é ofrecer un produto de calidade, apoiado por un manexo que prioriza o coidado dos exemplares.