As marcas de Lactalis e Capsa serán retiradas esta fin de semana de certos supermercados galegos

Segundo informa Unións Agrarias a través dun comunicado as principais cadeas de distribución alimentaria que operan en Galicia retirarán dos seus lineais as marcas de leite líquido das empresas Lactalis e Capsa mentres non apliquen subas nas cotizacións que lles pagan aos gandeiros en liña cos custes de produción que están sufrindo. Logo de varias roldas de reunións ao longo dos últimos días,las as grandes compañías de distribución entenderon que a actitude destas dúas industrias era completamente insolidaria. Así desaparecerán das grandes superficies por uns días os bricks das marcas Larsa, President, Puleva, Ram, etc.

Unións Agrarias está a manter unha liña de accións sindicais enfocadas a sinalar as empresas que non lles permiten aos produtores trasladar ao prezo de leite en orixe parte dos brutais custos de produción que están a sufrir as explotacións. Para a organización non cabe outra estratexia tras lograr que a distribución aceptara incrementar o prezo de venda ao público e que logo esa suba non se traslade aos gandeiros.

Para UU. AA. Capsa e Lactalis son polo lugar que ocupan na FENIL e na Interprofesional Láctea, así como polo importantísimo volume de recollida que representan en Galicia, as principais culpables da nula rendibilidade das granxas lácteas a pesar das grandes ganancias que están a obter pola comercialización de produtos industriais. Consideran que as concentracións levadas a cabo en Vilalba e Outeiro de Rei supuxeron un primeiro chanzo na escalada dun calendario de actuacións cada vez mais contundente para reverter unha situación na que os gandeiros de leite, segundo o Estudo da cadea de valor do leite do Ministerio de Agricultura, están a pagar un 26 % máis polos custes de produción. Confirman que esta situación dá como resultado que, se de media este ano unha granxa cobrou polo leite 33,30 cts/l, resulta practicamente imposible poder manter a actividade.

Desde o sindicato finalizan subliñando que no último ano o prezo medio do litro de leite cobrado polos gandeiros galegos foi case 1 céntimo menor que a media nacional, unha cifra que xa sitúa ás granxas da comunidade nun contexto de venda a perdas que se agravou nos últimos meses co aumento dos custos de produción. Lembran ademais que, a pesar de cobrar os prezos máis baixos do estado, os gandeiros galegos producen leite de calidade superior, cunha porcentaxe de materia graxa por enriba da media estatal, un dato de especial relevancia debido á revalorización da manteiga rexistrada nos últimos meses, que sitúa a rendibilidade que as industrias obteñen do leite galego por enriba da media. UU. AA. fai un chamamento aos operadores do sector a cumprir o establecido na Lei de Cadea onde claramente sinala que non pode existir a venda a perdas entre os distintos axentes no escalado de valor do leite.