O proxecto Laktis celebrou hoxe en Ribadeo a súa xornada final baixo o título “Menos pegada, máis futuro: sostibilidade práctica para o sector lácteo”, un encontro concibido como demo day que reuniu no CFEA Pedro Murias a un cento de asistentes, entre gandeiros, técnicos de cooperativas, industrias, administración, centros de coñecemento e empresas provedoras de solucións, e axentes de innovación.
A cita puxo o foco na pegada de carbono, a descarbonización e a sostibilidade real en granxa, co obxectivo de compartir aprendizaxes, presentar resultados e avanzar en recomendacións útiles para o sector lácteo, tras as diferentes xornadas técnicas celebradas en Galicia e Asturias ao longo do proxecto.
Laktis iniciou o seu calendario de actividades co obxectivo de acelerar a transición cara a unha gandaría láctea máis sostible, baixa en carbono e aliñada cos retos da Política Agraria Común. Durante o seu desenvolvemento, o proxecto traballou directamente con gandarías galegas e asturianas para validar ferramentas de medición de pegada de carbono, identificar casos piloto, promover estratexias de mitigación de emisións e elaborar unha Guía Branca de boas prácticas orientada a facilitar a toma de decisións no sector.
Unha guía para converter a sostibilidade en decisións de granxa
Un dos momentos centrais do encontro foi a presentación da Guía Branca Laktis, un dos principais resultados do proxecto. Victoria Carballeira, sustainability project manager en Medrar Innovation Office, expuxo as mensaxes clave do documento, elaborado a partir do traballo realizado durante os últimos meses e coas gandarías e o medio rural como eixo central das recomendacións.
A apertura institucional contou coa participación de Manuel Valín, director do CFEA Pedro Murias; Diego Canga, director xeral adxunto en funcións da DG AGRI da Comisión Europea, e Juan José Cerviño, da Dirección Xeral da PAC da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia.
O programa incluíu unha ponencia científica a cargo de David Yáñez, profesor de investigación do CSIC, quen abordou a cuestión “Da pegada de carbono á decisión en granxa: que di a ciencia”. A continuación, Kilean Watson, director xeral de Arla Foods España, ofreceu unha ponencia maxistral aplicada baixo o título “Sostibilidade que se paga: como unha cooperativa europea está impulsando o cambio nas granxas”.
Ademais das ponencias, a xornada combinou espazos de debate, networking, stands, dinámicas participativas e unha visita técnica.
Como acelerar a transición real do sector
A primeira mesa redonda, moderada por Carlos Ares, director xerente de Agaca, levou por título “Gandarías que inspiran: sostibilidade cos pés na terra” e permitiu coñecer experiencias vinculadas á aplicación práctica de medidas sostibles nas explotacións grazas á participación de Pablo Senande e Cristina Lago, alumnos do Centro de Promoción Rural-EFA Fonteboa; Pelayo Méndez, de Ganadería El Dios (Miudes, Asturias), e Tino Díaz, de Casa de Polo SC (Barreiros, Lugo).
A segunda mesa, moderada por Nuria M. Arribas, directora xerente da Inlac, abordou o papel de cooperativas e industria como pancas de transición cara a un sector lácteo máis sostible. Nela participaron Ángel Miranda, director da División Agroganadera en Clun; Higinio Mougán, adxunto á Presidencia e Consello Reitor de Agaca, e Estefanía Iglesias, directora de Sostibilidade de Grupo Central Lechera Asturiana.
No terceiro debate, “Do proxecto á rede: como deixar capacidade instalada no territorio”, participaron Carmen Muíños, xefa de Sección Técnica na Subdirección Xeral de Innovación e Dixitalización do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación; Mariana B. Tocha, Countro Lead Spain&Portugal de Root Global, e Mario Rouco, xerente de Desenvolvemento de Negocio de Innogando. Coa moderación de Hugo Criado, CEO de Medrar, centráronse en trasladar as aprendizaxes do proxecto a estruturas estables que permitan seguir acompañando ao sector máis alá de Laktis.
Pola tarde, desenvolveuse unha dinámica participativa centrada no deseño do plan de sustentabilidade dunha granxa real. Baixo a pregunta “En que investirías?”, participaron empresas e entidades como Innogando, Pentabiol, Entomo, AINIA, C-Lock Inc, Bioprana e Agricarbon, que presentaron solucións vinculadas á innovación, a eficiencia, a medición e a redución de emisións. Os asistentes, mediante votación en sala a través de código QR, seleccionaron as medidas máis urxentes ou importantes de cara aos próximos doce meses.
A xornada finalizou cunha visita técnica ao Centro de Alimentación de Gando Vacún (CAVI) de CLUN e á gandaría Villameitide, socia da cooperativa.
Desde a organización destacaron que o encontro permitiu reforzar un dos principais enfoques de Laktis: levar a transferencia de coñecemento ao territorio gandeiro e achegar ciencia, innovación, solucións, cooperativas, industria e administración á realidade diaria das explotacións. Neste sentido, a xornada situou o gandeiro no centro do proceso, non só como destinatario de recomendacións, senón como protagonista na construción de solucións útiles e aplicables.
O proxecto Laktis está promovido por un consorcio multiactor que agrupa diferentes elos da cadea de valor do sector lácteo, entre eles CLUN, CLAS, Capsa Food, Agaca e Medrar Innovation Office, xunto con empresas e entidades especializadas en innovación, sustentabilidade e tecnoloxía aplicada ao sector agrogandeiro.
Coa celebración desta xornada final en Ribadeo, Laktis pechou o seu calendario de actividades consolidando un espazo de diálogo e transferencia entre os distintos axentes da cadea, orientado a contribuír a un sector lácteo máis competitivo, conectado co territorio e preparado para os novos retos ambientais e económicos.