Lactalis anuncia subidas de prezos aos seus clientes sen que isto repercuta nos gandeiros, segundo a OPL

A indignación por parte da Organización de Produtores de Leite (OLP) é total tras ter constancia da carta que a industria láctea Lactalis enviou aos seus clientes anunciando unha nova subida nos prezos, “mentres que aos gandeiros nas últimas negociacións se lles negaron mellores pagos”, sinalan.

“Agora Lactalis anuncia outra subida aos seus clientes, din que se trata de algo pactado ou consensuado cos gandeiros e recoñecen que xa desde o mes de setembro os grandes supermercados subiron os prezos ao consumidor. Sabemos polos seus clientes que a subida anterior foi de 4 céntimos e que a que agora lles anuncian é doutros 8 céntimos; en total, un incremento de 12 céntimos”, recapitulan os portavoces da asociación.

“Mentres tanto, nas últimas negociacións cos gandeiros anunciaron que nos subirían 1 só céntimo, a pesar de admitir na carta que temos constancia que recibiron os clientes que o incremento no prezo se debe á subida nos custos de produción, algo que estamos a sufrir en primeiro lugar os gandeiros”, engaden. 

“Esperamos que dita carta chegue a mans do señor ministro para que faga cumprir dunha vez a Lei da Cadea Alimentaria e que, dunha vez por todas, as subidas dos produtos aos consumidores se repartan equitativamente entre cada elo da cadea”, apuntan. “Mentres que uns se están lucrando coa subida dos custos, os gandeiros estamos nunha situación económica cada vez peor; cada vez é máis difícil manter as nosas granxas. Esta carta é un exemplo máis do desamparo total no que nos atopamos. Coma sempre, somos o último elo, e o máis prexudicado”, destacaron.