A Xunta valora a adhesión de Cantabria á aplicación Contaláctea

A aplicación Contaláctea, impulsada polo Goberno galego para facilitar o cálculo dos custos de produción aos gandeiros de leite, permite mellorar a negociación dos prezos. A adscrición de Cantabria a esta ferramenta informática plasmouse nun convenio de colaboración asinado coa Xunta, que ten como obxectivo facilitar que os gandeiros cántabros poidan beneficiarse tamén das súas múltiples vantaxes. 

O conselleiro do Medio Rural, José González, mantivo esta mañá unha videoconferencia na que tratou este tema co seu homólogo cántabro, o conselleiro de Desenvolvemento Rural, Gandería, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, Guillermo Blanco. Tamén participou na presentación o director xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros. "É unha aplicación que funciona ben, é fácil de manexar e deberiamos de homoxeneizar o cálculo dos custos de produción en todas as explotacións lácteas españolas", afirmou González.

Contaláctea, tal e como explicou o titular do Medio Rural, ten como principal obxectivo fomentar a xestión empresarial das explotacións e facilitar os gandeiros un poderoso instrumento para mellorar a súa posición nas negociacións do prezo do leite. González recordou que a aplicación ofrece aos produtores a posibilidade de controlar os investimentos e os custos, de forma que poidan calcular canto lles custa producir un litro de leite e a que prezo se debe vender.

O conselleiro agradeceu especialmente a implicación de Cantabria nesta iniciativa e comprometeuse a seguir traballando para incorporar máis comunidades autónomas a esta liña de actuación. Tamén incidiu en que a propia posta en marcha da Estratexia sectorial e de Contaláctea favoreceu a tendencia de incremento dos prezos rexistrada en Galicia nos últimos meses.