A Xunta destina 2,15 millóns de euros ás axudas para as agrupacións de defensa sanitaria gandeiras

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde mediante a cal se convocan estas axudas para as agrupacións de defensa sanitaria gandeiras (ADSG), das que as entidades poderán solicitar un anticipo sen necesidade de presentar avais bancarios. Neste 2023, a Xunta destina un importe de 2.150.000 euros, cifra que se mantén constante nos últimos anos e que servirá para financiar o traballo que realizan estas entidades para desenvolver os programas facultativos de prevención e control de enfermidades animais.

Estes programas melloran as condicións hixiénicas das explotacións e de benestar animal, elevan o seu nivel produtivo e sanitario e contribúen a acadar un mellor status sanitario para a cabana gandeira galega. Mediante estas achegas, preténdese estimular a integración de gandeiros nestas entidades, establecendo axudas proporcionais ao esforzo económico que realizan estas agrupacións nos devanditos programas.

A finalidade última das axudas é a mellora do estado sanitario das explotacións gandeiras galegas mediante a execución de programas zoosanitarios comúns para a prevención e control de enfermidades dos animais. No marco do mercado actual, resulta fundamental manter o devandito estado sanitario, desenvolvendo programas destinados ao control de determinadas doenzas, mellorando a rendibilidade e asegurando a comercialización de animais e dos produtos de orixe animal. 

DOG completo