A poxa-feira organizada por Agolada Rural reunirá unha vintena de bovinos

O colectivo Agolada Rural organiza vindeiro 12 deste mes, dentro do programa da XXV Mostra de Artesanía, unha poxa-feira de gando bovino. O seu responsable, Rafael Méndez, tamén concelleiro do grupo popular, deu a coñecer este luns todos os detalles desta cita. A presentación tivo lugar a tarde de onte, 1 de agosto, no Salón de Plenos do Concello de Agolada e estivo acompañado polo alcalde do municipio, Luis Calvo, e polo tenente de alcalde, Óscar Val. 

“A feira de gando do 12 debe revivir porque por cambios de hábitos de vendas foi desaparecendo, pero pódese poñer en proba outras alternativas en relación ao que era antes e especializarse en venda de gando para vida desde becerras ata vacas, pero o que si é importante é que debemos aproveitar que Agolada é practicamente o quilómetro cero de Galicia e temos moi boas conexións que mellorarán coa autovía que enlazará Santiago con Lugo. Así mesmo, a comarca de Deza é a que ten máis vacas e estamos a uns 20 minutos doutros concellos como Rodeiro, Antas de Ulla, Arzúa, Palas…”, incide Rafael Méndez. 

Esta cita do 12 contará con dous apartados de compra diferentes. Por un lado, terá lugar unha poxa silenciosa, sobre a que se darán todos os detalles o propio día, e despois, para quen queira terá lugar a feira libre e tradicional, fóra da propia poxa. Este ano daranse cita uns 20 animais, pero a idea é que nas vindeiras ocasións haxa gandeiros e tratantes das diferentes zonas de Galicia. Será unha vintena de animais entre vacas, xovencas e becerras tanto frisonas como cruzadas, tal e como especifica Méndez. “E na poxa o vendedor será sempre o que teña a última palabra”, recalca. Esta iniciativa terá como escenario o campo da feira de Agolada e a apertura será sobre ás nove da mañá. 

Así mesmo, o responsable de Agolada Rural avanza que o seu obxectivo, coa colaboración do Concello, é repetir esta cita cada tres meses. “En agosto manteríase a xornada do 12, pero o resto dos meses sería o domingo máis próximo ao día 12”, explica. Ademais, baralla a idea de poder reunir tamén becerros carniceiros criados no municipio de Agolada, tras a petición de máis dunha persoa interesada. 

Sobre as 13:30 horas terá lugar o sorteo presencial dunha becerra e Méndez anima a asistencia. “É moi importante que a feira do 12, con tanta historia en Agolada, reviva e, se se consegue, será o éxito de toda a Agolada; por iso, pídolles aos veciños que se acheguen ese día. E tamén quero agradecer ao alcalde pola súa implicación”, sinala Rafael Méndez. 

Pola súa banda, o mandatario tamén agradeceu e encomiou a iniciativa de Méndez. “Grazas por achegar o teu gran de area e por levar a cabo iniciativas tan boas coma estas. Todo o que sea por revivir a feira do 12; aí estaremos para axudar. Ademais, cabe adiantar que xa estamos traballando para levar a cabo melloras no campo da feira, como renovar as portas, o tellado e a fachada”. E insistiu na importancia de colaborar. “Dende o Concello sempre estamos abertos a colaborar e axudar en propostas tan válidas coma estas, independientemente da cor política, coma neste caso. E gracias tamén a implicación do tenente de alcalde, Óscar Val, para axudar a Rafael nesta iniciativa”, concluíu o alcalde.