A próxima semana iníciase a acción formativa “Gandeiros 20-30” para impulsar a xestión empresarial nas explotacións

No marco da Estratexia de dinamización do sector lácteo galego 2020-2025, impulsada pola Consellería do Medio Rural, tendo en conta que a profesionalización das explotación gandeiras en Galicia foi exponencial nos últimos anos, proponse a acción formativa “Gandeiros 20-30: Impulsando as competencias empresariais en explotacións gandeiras”.

A metodoloxía da formación é presencial e as prazas son limitadas a 15 por cada edición que se impartirá no Pazo de Quián (Boqueixón, A Coruña). As inscricións poden realizarse a través do correo electrónico da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal) agacal@xunta.gal, indicando o nome e apelidos da persoa solicitante, un teléfono de contacto e o código REGA ou nome da gandería. Os módulos impártense todos os xoves desde o 22 de abril ao 27 de maio, de 9:30 a 14:30 horas.

Desde a Xunta de Galicia, a través do Centro de Investigacións Agrarias Mabegondo (CIAM) - Agacal, decidiu impulsar o proceso de transformación e mellora, utilizando como ferramenta básica a formación cunha óptica empresarial. Para iso, nesta acción cóntase coa colaboración de IESIDE, que leva máis de 30 anos formando empresarios, xestores e profesionais de todos os sectores.

Os obxectivos deste curso son proporcionar aos empresarios gandeiros unha visión e un potencial máis amplo sobre a súa actividade, para espertar a innovación e buscar un maior valor engadido. Ademais de identificar proxectos conxuntos ou individuais que poidan ser susceptibles de apoio posterior por parte da Consellería.

Toda a información