Tras unha análise do mercado, a Organización de Produtores de Leite (OPL) instan os gandeiros a manter a calma xa que os datos que manexan “apuntan cara a un mantemento, e probable subida do prezo do leite”, din desde a organización.
No comunicado enviado pola OPL explícase que é habitual que na primavera, con motivo da renovación a principios de abril da maioría de contratos subscritos, se anuncien, por exemplo, abandonos de rutas que farían que os gandeiros que queden sen vender o seu leite se vexan obrigados a ofrecerllas a outras empresas a prezos máis baixos.
A pesar disto, dende a OPL envían unha mensaxe de tranquilidade xa que, segundo as informacións que manexan, o prezo da manteiga, que sufrira varios descensos a finais de ano, mantense en alza. En Nova Zelandia, o maior exportador de lácteos a nivel mundial, prevese un descenso da produción dun 1,5 % debido á seca; e o prezo das poxas en Fonterra levan en ascenso todo o que levamos de ano. Ademais, segundo os datos do FEGA, o número de xovencas en España descendeu un 4,4 %, o que indica un descenso na produción; e o último informe sectorial do Ministerio demostra unha tendencia ao aumento das exportacións e unha redución das importacións.