A Organización Interprofesional Láctea (InLac) expresa a súa preocupación ante a presenza no mercado de produtos lácteos cuxa presentación comercial podería inducir a confusión sobre a orixe real do leite utilizado. Segundo alertaron entidades como Cooperativas Agro-alimentarias, nalgúns lineais detectáronse envases que incorporan referencias gráficas, xeográficas ou simbólicas tradicionalmente asociadas a zonas produtoras españolas, mentres que a etiquetaxe sinala como orixe do leite a "Unión Europea"
InLac lembra que, de acordo coa normativa vixente, a declaración da orixe do leite é obrigatoria. En concreto, o Real Decreto 1181/2018, en vigor desde xaneiro de 2019, obriga os fabricantes de leite e produtos lácteos a informar os consumidores sobre a orixe do leite empregado como ingrediente na súa elaboración. Esta normativa aplícase ao leite de vaca, cabra e ovella, así como a aqueles alimentos que conteñan máis dun 50 % de leite como ingrediente, como leite, nata, manteigas, queixos, iogures ou leites fermentados. Nestes casos, debe indicarse o país de muxido e o país de transformación.
A indicación da orixe debe axustarse a unha destas dúas opcións: "España", cando todo o leite procede de granxas españolas, ou "Unión Europea", cando o leite ou as mesturas de leite veñen dun ou varios Estados membros distintos de España.
Neste contexto, InLac anima os consumidores a comprobar a orixe do leite reflectida na etiquetaxe, coma un elemento clave nas súas decisións de compra. Este xesto contribúe a respaldar o sector gandeiro español, favorecer a continuidade da actividade no medio rural e apoiar a cohesión territorial, así coma o relevo xeracional.
Por último, InLac insta todos os axentes do sector a garantir prácticas comerciais aliñadas cos principios de transparencia e lealdade, a cumprir o marco regulatorio da cadea alimentaria e a evitar actuacións que poidan xerar desequilibrios ou confusión no consumidor. Así mesmo, solicita ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) que reforce a vixilancia do mercado para asegurar o seu correcto funcionamento e preservar o tecido produtivo nacional.