A InLac impulsa a campaña “Conta cos produtos lácteos europeos”

Calidade, trazabilidade, benestar animal, seguridade alimentaria e compromiso ambiental son puntos fortes do modelo de produción europeo, que contribúen a que os lácteos elaborados no mercado comunitario teñan cada vez máis proxección internacional, ofrecendo amplas garantías a consumidores de todo o mundo.

Estes son algúns factores que pon en valor a campaña europea “Conta cos produtos lácteos europeos” impulsada pola Organización Interprofesional Láctea (InLac), a cal busca informar desde unha perspectiva científica dos valores que hai detrás do sector lácteo, no plano ambiental e tamén nutricional.

Neste contexto, os profesionais do sector son conscientes de que melloraron moito en eficiencia e tamén a concienciación dos propios produtores co coidado da natureza e dos ecosistemas, e saben que deben seguir avanzando para manter os seus compromisos co planeta e cos consumidores. 

Reputados científicos do Comité de Sustentabilidade Láctea explican como o modelo de vangarda europeo abre portas nos mercados internacionais, máis aínda naqueles destinos onde xurdiron problemas de seguridade alimentaria. Tal e como lembran, o modelo de produción europeo leva moitos anos traballando de acordo coas esixencias dos consumidores en termos de seguridade alimentaria, calidade dos produtos, impacto ambiental e benestar animal.

Os valores nutricionais dos lácteos suman atractivo para defender o seu consumo, no marco dunha dieta equilibrada, como a mediterránea. Convén lembrar, así mesmo, que os lácteos achegan proteínas e hidratos de carbono, fundamentalmente en forma de lactosa, ademais de calcio, potasio, fósforo, zinc e outros minerais, así como vitamina B12 e A.