A iniciativa da Xunta de Galicia, Alma Rural, puxo en valor hoxe as mulleres que viven e traballan no medio rural

Alma Rural pretende dar visibilidade e fomentar a creación de novos proxectos no rural por parte do colectivo feminino, así como valorar os xa existentes, poñendo de relevo estas iniciativas e tamén ás mulleres que foron quen de idealas e executalas. En definitiva, Alma Rural busca poñer en valor as mulleres que viven e traballan no medio rural, facilitando un espazo para a posta en común de experiencias e inquietudes deste segmento tan importante da poboación galega.

O evento, que tivo lugar esta mañá na Finca Val dos Soños, no concello lucense de Castro de Rei, con motivo do Día Internacional da Muller Rural celebrado o pasado día 15, incluíu diferentes relatorios e unha mesa redonda con participación de representantes da administración pública e da sociedade civil. Os relatorios estiveron a cargo de Carme Lence, CEO do Grupo Lence, e de Belinda Washington, actriz e presentadora; mentres que na mesa redonda contouse coa participación de Ana Crende, técnica de Afammer Lugo; María Carmen Gayoso, presidenta de LugoMadera; Brígida Hermida, propietaria de Xearte Brigitte; José Antonio López, presidente do GDR Terra Chá; e YolandaTorrents, copropietaria da Gandería Rodasinde.

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reivindicou o relevante papel da muller no rural, ao mesmo tempo que lembrou as diferentes políticas que se desenvolven desde a Xunta de Galicia para impulsar a súa presenza e incorporación ao sector primario. Así o trasladou na inauguración da IV edición de Alma Rural, onde destacou a importancia das mulleres no campo galego ao longo dos séculos. Ao acto, no que tamén participou a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, asistiron as directoras xerais da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez; e de Promoción da Igualdade, María Quintiana; así como o delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias.

María José Gómez lembrou as axudas para a incorporación de mozos e mozas ao sector agrogandeiro nas que, con datos desde o ano 2016, as mulleres supoñen o 40 % das beneficiarias destas achegas anuais que favorecen a remuda xeracional, do mesmo xeito que son as que máis contía poden chegar a percibir.

Ademais, quixo salientar a importancia da formación, que será un dos eixos principais de traballo da Consellería para os vindeiros anos, dado que favorece a competitividade das explotacións. Nesta liña, salientou o papel dos seis Centros de Formación e Experimentación Agraria dependentes deste departamento e nos que cada ano se incrementan o número de matriculados, sendo case a metade mulleres. “Este é o camiño a seguir”, sinalou.

Por último, manifestou o seu orgullo polas mulleres rurais galegas que, sexa no pasado ou no presente, seguen loitando por darlle un futuro ao territorio. “Hai moitas mulleres rurais e é necesario ampliar a súa visibilidade na sociedade: directivas, emprendedoras, motoseirristas tractoristas, enxeñeiras, gandeiras, horticultoras... Todas son mulleres moi distintas, seguramente o son, pero todas teñen algo en común: a súa alma rural”, expresou María José Gómez.

Pola súa parte, a conselleira de Política Social e Igualdade destacou durante a clausura deste acto que as mulleres rurais son “unha peza fundamental para a vertebración social e territorial da nosa terra” e que constitúen unha fonte de innovación e emprendemento. Así, Fabiola García destacou que son un exemplo de avance constante en favor da igualdade de xénero.

Con todo, sinalou que “temos avanzado moito, pero, desgraciadamente, no rural seguen persistindo desigualdades”, por iso mesmo, salientou que a misión do Executivo autonómico é seguir loitando contra elas, garantindo a igualdade de mulleres e homes en todos os espazos e ámbitos da vida.