A III edición dos International Zendal Awards xa ten xurado

A menos dun mes de que remate o prazo para presentar as candidaturas da III edición dos International Zendal Awards, que galardoará investigacións biomédicas destacadas en saúde humana e animal, quedou constituído o comité de expertos que determinará para quen serán os premios. 

O xurado estará formado por Juan José Badiola Díez, catedrático de sanidade animal e director do Centro de Encefalopatías e Enfermidades Transmisibles Emerxentes da Universidade de Zaragoza; María Jaureguízar Redondo, directora da Fundación Vet+i-Plataforma Tecnolóxica Española de Sanidade Animal; Carlos Martín Montañés, catedrático de Microbioloxía, Medicina Preventiva e Saúde Pública;  María Vallet-Regí, directora do Grupo de Investigación Biomateriais Intelixentes (GIBI) do Centro de Investigación Biomédica en Red – Bioinxeñería, Biomateriais e Nanomedicina (CIBER-BNN) e Miguel Ángel Llamas doutor en Bioquímica e Bioloxía Molecular e  CEO da empresa Empireo dedicada a diagnóstico molecular. A estes 5 expertos, súmanse o CEO do grupo Zendal, Andrés Fernández, e Esteban Rodríguez, CEO de Biofabri.

Os premios diríxense tanto a institucións públicas como privadas que demostren mérito e compromiso en ámbitos como a biotecnoloxía ou a saúde. Para a súa concesión, valorarase a calidade científico-técnica das iniciativas e a súa viabilidade e aplicabilidade. Prestarase especial atención ás candidaturas que realizasen achegas relevantes en investigación biomédica, en transferencia de coñecemento, en innovación social e en saúde. 

 

Nesta terceira edición incrementouse a contía do premio nas dúas categorías: a humana terá unha dotación de 40.000 euros e a animal, de 25.000. A elas súmase unha mención especial, dotada con 5.000 euros, para distinguir a unha iniciativa centrada en One Health.

Os equipos de investigación poden enviar os seus proxectos ata o 3 de outubro a través da súa páxina web. Unha vez presentados, serán estudados polo xurado para emitir o seu veredicto.