A Fundación Agricolae Mundi recibirá en Lugo ao padre franciscano Jorge Bender para facer balance de dous anos de traballo en Mozambique

A Fundación Agricolae Mundi, creada no ano 2021 sen ánimo de lucro e formada actualmente por cinco Colexios de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas (entre os que se atopa o de Lugo), recibirá o próximo 1 de abril, en Láncara (Lugo), a visita do padre franciscano Jorge Bender para facer balance dos traballos solidarios levados a cabo en Mozambique, nos que a fundación colabora a través do proxecto solidario internacional "Agropecuaria San Francisco".

"Agropecuaria San Francisco" foi o primeiro dos proxectos nos que Agricolae Mundi se introduciu, construíndo unha granxa experimental no poboado de Jecuá (Mozambique), co obxectivo de traballar na mellora de variedades vexetais e razas de animais. Jorge Bender, responsable do proxecto na rexión mozambiqueña, asistirá ás 12.00 horas do 1 de abril ao Museo Muvlica, situado na parroquia de Trasliste, Láncara (Lugo), para tratar os avances que experimentou este proxecto solidario, así como algunhas das súas características e particularidades.

No acto tamén estarán presentes o presidente do Colexio de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de Lugo, Marcos Vázquez; o presidente da Fundanción e do Colexio de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas e Graduados de Alicante, Miguel Agulló; o presidente do Colexio de Enxeñeiros Agrícolas de Aragón, Miguel Anxo Aguaviva; e o secretario xeral de Agricolae Mundi, Carlos Fernández, coordinador do proxecto en España.