A feira Space volverá ser presencial na súa edición de 2021

A 35ª edición do Salon International des Productions Animales (Space) volve ao parque de Exposicións de Rennes este mes de setembro: celebrarase do 14 ao 16 de setembro e engadirá unha xornada dixital de webinarios o venres 17.  Deste xeito, e tras adaptarse ao formato onlinena cita de 2020 debido á situación sanitaria derivada da covid-19, a maior cita agrogandeira de Francia regresa ao terreo físico sen abandonar do todo o ámbito dixital. 

Baixo a temática "vivir ben o benestar", a organización destacou que esta será "unha oportunidade única para por fin reunirse e dialogar con todos os profesionais involucrados na cadea alimentaria", sen descoidar "o protocolo sanitario imposto para facer deste evento un gran encontro profesional, con bo ambiente e seguro para todos".

A cen días do seu comezo, Space ten xa un 80% dos expositores cubertos (case un centenar deles son novos) e, para poder visitalos, todos os asistentes deberán presentar este ano o seu pasaporte sanitario, que inclúe un certificado de vacinación, unha proba de antíxenos ou PCR negativa feita nas últimas 48 horas e, se procede, outra proba que indique unha recuperación de covid-19 superior a 15 días e inferior a 6 meses.

Todo isto é o que preparou a organización para poder ofrecer unha nova edición da feira segura para todos, na que volverán a convocarse os premios Innov'Space e na que continuarán, como é habitual, as poxas e os concursos morfolóxicos de gando, os podcasts e emisións de Space TV, as conferencias con expertos en distintos ámbitos do sector etc.