A Facultade de Veterinaria acolleu a Xornada Técnica de Africor Lugo e Vaca Pinta

Hai dous anos que non se celebraba o evento de forma presencial por mor da covid-19, o que promoveu unha participación moi alta.

    14.06.2022. Africor Lugo e Vaca Pinta organizaron un ano máis as súas xornadas técnicas, as cales regresaron ao formato presencial. A cita tivo lugar ao longo do día de hoxe no auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo. 

    Os dez relatorios da xornada abordaron distintos temas de interese para o público como o estrés por calor, o uso responsable de antibióticos, a pegada de carbono ou o manexo dos datos en granxa.

    A cita deu comezo ás 10:30 h cunha exposición de Israel Flamenbaum, consultor e experto internacional na xestión de rabaños leiteiros e no control do estrés por calor e propietario da empresa Cow Cooling Solutions, sobre o deseño das instalacións e os medios que se poden implementar para mitigar os efectos da calor e a importancia do uso de medios de monitorización para o control dos rabaños.

    Tras el, tomou a palabraGerardo Rivero, xefe de servizo no departamento de Seguridade Alimentaria nas Producións Gandeiras da Xunta de Galicia, quen explicou a nova normativa da Unión Europea en materia de medicamentos veterinarios no exercicio desta profesión,especialmente cando se prescriben antimicrobianos para animais produtores de alimentos, e como é o labor de control oficial.

    Ás 11:30, houbo un descanso para o café e, á volta,Luis Miguel Jiménez, veterinario e director técnico de Servet Talavera (Toledo), seguiu tratando o tema do uso de antibióticos centrándose no período seco como fase decisiva na aparición da mastite e na importancia de curar posibles infeccións intramamarias que tivesen lugar durante a lactación.

    Pasada a media mañá, Gregorio Salcedo, profesor técnico e investigador do CIFP La Granja en Cantabria, interpretou os aspectos de manexo relacionados coa pegada de carbono e mostrou as ferramentas que se poden considerar nas explotacións para este asunto.

    A continuación, Jesús Combarro, director de Abanca Agro, expuxo as principais liñas de axuda actualmente en vigor para o sector e as liñas de financiamento en convenio coas distintas administracións.

    Ás 13:30, tivo lugar a inauguración oficial das xornadas de man doconselleiro do Medio Rural, José González; do deputado de Recursos Sostibles da Deputación de Lugo, Roberto Fernández, e do presidente de Africor Lugo, Manuel Sandamil. Tamén estiveron presentes o decano da Facultade de Veterinaria, Gonzalo Fernández, e o presidente do Colexio de Veterinarios de Lugo, José Luis Benedito.

    Rematou a mañá cunha última charla a cargo de Israel Flamenbaum, quen retomou a palabra e volveu falar do estrés por calor e a súa influencia na produción e fertilidade das vacas, así como do prexuízo económico que produce expoñer as vacas a condicións de carga térmica en climas similares aos de Galicia e o beneficio, pola contra, que se deriva da óptima aplicación da refrixeración no verán.

    Rodrigo García, director técnico de Nutrición de Ruminantes en TechMix Europa e consultor en nutrición en granxas do leste de Europa, Alemaña, Bélxica, Os Países Baixos e Luxemburgo, deupaso á sesión da tarde abordando o manexo da transición entre o período seco e a lactación e repasou os beneficios do uso de marcadores metabólicos pre e posparto para predicir que animais son susceptibles de padecer enfermidades e propoñer tratamentos eficaces e sostibles.

    Ás 16:00,Juan Cainzos, Senior Sales Manager en ABS España, disertou sobre as distintas tecnoloxías que nos permiten avaliar a composición cualitativa e cuantitativa dos ácidos graxos presentes no leite. Precisamente Africor Lugo comezou en setembro de 2021 a reportarlle información sobre o perfil de ácidos graxos no leite aos seus asociados. Cainzos describiu a potencialidade desta información comparada cos resultados obtidos noutras partes do mundo, así como as diferentes interpretacións e análises que podemos facer con estes datos.

    Media hora despois, Xosé Ramón Botana, veterinario de AIRA SCG e copropietario da Granxa O Lameiro (Frades), centrou a súa charla en que criterios debemos ter en conta para elixir correctamente as aplicacións informáticas que se empregan na granxa, en como integrar as diferentes fontes de información para poñela ao alcance do gandeiro e dos técnicos que o asesoran e en como empregar esta tecnoloxía para simplificar o traballo diario, gañar eficiencia e adaptarse aos retos presentes e futuros da produción leiteira.

    O día concluíu coa intervención deManuel Candamio, gandeiro e xestor de Finca Cabreira (Irixoa, A Coruña), quen xustificou, con base na súa experiencia real, os motivos polos que decidiu instalar un sistema de monitorización na súa gandería, describiu como a instalación do sistema cambiou a súa forma de traballo en canto a manexo, saúde e reprodución das vacas e comparou o antes e o despois das súas rutinas.