A experimentación na medición nutricional do xurro protagonizou a xornada DigiPurin na Granxa Gayoso Castro

Este mércores 13 de maio, a Granxa Gayoso Castro, situada en Castro de Ribeiras de Lea (Lugo), acolleu a última edición de DigiPurin. O encontro, organizado en colaboración entre o grupo BioModem da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e o Centro de Competencias Dixitais do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, estivo centrado nas modernizacións recentes para a aplicación e a xestión dixital do xurro.

O propósito da cita, un ano máis, foi o de achegar a técnicos, empresas e gandeiros as novidades dunha práctica clave en canto a eficiencia e sostibilidade para o aproveitamento nutricional nas explotacións. Este ano, foi presentado ás cincuenta persoas asistentes un dos proxectos en desenvolvemento para a medición do xurro durante a súa aplicación: ‘Agrolab_Biogal’. Este, en fase experimental, será probado este mes de maio a través dun prototipo construído que tomará medidas químicas do fertilizante agrícola durante a súa aplicación.

Cun programa establecido de 10:00 a 15:00 horas, DigiPurin abrangueu demostracións de campo e sesións prácticas con ferramentas de dixitalización e control técnico. Cunha previa presentación dos métodos de aplicación de xurro, especialmente daqueles baseados na condutividade eléctrica e no sistema NIRS, foron presentados tanto o proxecto anteriormente apuntado como ‘PurinPreciso’, relacionados con estas tecnoloxías.

O propósito do Centro de Competencias Dixitais, con esta e outras actividades demostrativas, é achegar a dixitalización ao sector mediante demostracións prácticas en diferentes puntos de España. Os proxectos presentados esta semana en Lugo seguen a liña das políticas europeas de sostibilidade agraria, coas que se busca mellorar a eficiencia no uso dos recursos e reducir o impacto ambiental.