A Central Agropecuaria de Galicia Abanca, única poxa informatizada de España, pechou onte o ano cunha sesión especial de xatos carniceiros e vacún maior para garantir o abastecemento nas datas do Nadal. Con ela, a Central conclúe 2025 cun balance histórico tanto en asistencia coma en volume económico.
Ao longo do ano concorreron ás súas poxas 55.309 animais, un 2,93% máis ca en 2024 e a mellor cifra desde 2009, acadándose ademais unha facturación récord de 59.167.953€, o que supón un incremento do 49,3% respecto ao ano anterior. Estes resultados son especialmente relevantes se se ten en conta que non foi posible celebrar sete poxas por causas excepcionais como o apagón eléctrico de abril, un ataque informático ou a dermatose nodular contaxiosa.
Por categorías, os xatos de recría mantiveron cifras semellantes ao pasado exercicio, con 32.505 animais, aínda que cun forte crecemento en facturación, que subiu un 59,3% ata os 17,9 millóns de euros, impulsada polo notable aumento dos prezos medios. En vacún maior concorreron 14.135 exemplares e a facturación acadou os 29,26 millóns de euros, un 31,8% máis, apoiada na alta demanda de carnes maduradas e na mellora continua da calidade do gando que accede ao mercado.
Especialmente destacado foi o comportamento dos xatos carniceiros, con 8.669 animais, un 40,7% máis ca en 2024, e unhas transaccións que practicamente se duplicaron ata os 11,97 millóns de euros. O ano estivo marcado, ademais, pola consecución de numerosos récords en sesións e categorías, consolidando a Central Agropecuaria de Galicia Abanca coma un referente estatal e pechando 2025 como o mellor ano da súa historia.