A Agropec volverá acoller o concurso nacional frisón na última semana de setembro

A Feira Monográfica do Campo e as Industrias Agrícolas, Gandeiras, Forestais e Pesqueiras de Asturias (Agropec), celebrada no recinto feiral Luis Adaro de Xixón, volverá ser o marco da cuadraxésima segunda edición do Concurso Nacional da Raza Frisoa Conafe 22, que será xulgado polo húngaro Zsolt Kőrösi o sábado 24 de setembro. No que respecta ao XXI Campionato Nacional de Manexadores, terá lugar, como vén sendo habitual, durante a mañá do domingo.

Inscribíronse nesta edición 246 animais procedentes de 55 ganderías de 9 comunidades autónomas. Asturias (con 16 granxas), Galicia (con 10) e Cantabria (con 7) volven ser as rexións con maior representación. Participarán tamén exemplares chegados de Andalucía, Castela-A Mancha, Castela e León, Cataluña, Madrid e Navarra.

Entre as novidades deste ano atópanse os campionatos de xatas e vacas roxas, nos que competirán os dous primeiros exemplares roxos de cada sección. Ademais, potenciarase o premio de mellor autonomía coa elección por parte do xuíz dos dous mellores lotes de animais en pista, en lugar de facelo por puntos, como se viña facendo nas últimas edicións.

Tamén se volverá a celebrar fóra de competición a sección de recoñecemento estreada o pasado ano, que consiste nunha exhibición na pista de vacas sobresaíntes, segundo criterios morfolóxicos ou produtivos, presentes no recinto feiral coa novidade nesta edición de que estes animais competirán entre si dentro da súa propia sección.

Programa

Sábado, 24 de setembro

Desde as 10:00 horas - Concurso de xatas e xovencas

Desde as 15:00 horas - Concurso de vacas en lactación e sección de recoñecemento (fóra de competición)

 

Domingo, 25 de setembro

Desde as 10:30 horas - XXI Campionato Nacional de Manexadores