A ADSG Terras do Queixo, de Arzúa, comezou a organizar na primavera de 2024 un proxecto liderado pola súa responsable, Margot García, que consiste en embelecer as ganderías da zona con xardíns e murais, principalmente. Un ano despois, a iniciativa avanza e xa se poden observar os primeiros resultados en varias das granxas que se sumaron a esta proposta. Máis en Vaca Pinta 53.
Margot García lleva xa vinte anos exercendo como veterinaria na Agrupación de Defensa Sanitaria Gandeira (ADSG) de Arzúa, desde os seus comezos. Hai pouco máis dun ano ocorréuselle que poderían facer algo máis nas granxas da localidade, á parte das tarefas sanitarias: “Temos a sorte de que o estado sanitario das nosas ganderías está bastante controlado e vai ben; entón tiña tempo para dedicárllelo a outros aspectos, e buscaba un estímulo novo para os gandeiros, que levan moitos anos coa ADSG e todo se volveu moi rutineiro”, explica García.
A súa idea baseouse en dedicar pequenos espazos das explotacións gandeiras a xardíns. O Concello decidiu axudarlles na adquisición das plantas. Ademais, sumouse o IES de Arzúa: o alumnado do Ciclo de FP Básica en Agroxardinería colaborou na mellora paisaxística e o axardinamento en catro granxas, realizando tarefas de limpeza, colocando malla antiherbas e pedra decorativa, plantando etc. Por outra parte, un grupo de estudantes de 1.º e 2.º da ESO do club de ciencias decorou un muro nunha das granxas.
Cando Margot escribiu no grupo de WhatsApp que teñen de toda a ADSG para informar sobre o proxecto, en apenas dez minutos xa se ofreceron arredor de sete voluntarios, así que comezaron a traballar. “Vexo que se animan e que imos tendo máis ganderías que nos piden axuda, e outras coas que estamos á espera de comezar, pero que están pendentes de rematar obras. O proxecto tivo éxito desde un principio e agardo que siga medrando”, expón a veterinaria da ADSG.
Os motivos polos que Margot decidiu montar isto son acondicionar as granxas e cambiar o seu aspecto, liberar áreas nas que se acumulan restos —para que non se perciban como sitios sucios e con lixo— e suavizar os espazos de traballo ao eliminar o feísmo: “Non é o mesmo que ao chegar a unha gandería o vexas todo abandonado a que haxa un pouco de ledicia. As plantas ofrecen outra aparencia diferente. Case todo se limita a limpeza, orde e, despois, xa se chega ao plano estético”, recalca.
Outro aspecto importante polo que pode ser beneficioso mellorar a estética das explotacións gandeiras é polos veciños. O feito de ter unha gandería preto dun lugar residencial pode xerar conflitos cos habitantes das casas próximas: “Se intentas embelecer un pouco as granxas e eliminar as partes menos bonitas, para que se vexan un pouco menos, e creas unhas pantallas vexetais que alegren o espazo e se elimine ese impacto visual que teñen ao seren construcións moi grandes, pode ser positivo”, remarca Margot, que cre que isto podería contribuír a diminuír as protestas dos veciños.
O PROCESO: PASO A PASO
Unha vez que os gandeiros están convencidos de que queren facer algo, a seguinte fase é revisar que sitios lles gustaría axardinar e pensar tanto a idea coma o deseño. “Ás veces, o gandeiro é o que ten a iniciativa, pero depende do caso. Moitos pídenme axuda a min e eu vou facendo. O aspecto no que máis lles aconsello é na elección de plantas, porque igual é algo que controlan un pouco menos, pero con respecto á pedra e á montaxe adoitan facelo moi ben”, narra Margot.
Así mesmo, engade que intenta escoller “plantas que sexan duras, que non necesiten moito mantemento e que nos resistan o clima de aquí”. En moitas ocasións, a veterinaria da ADSG Arzúa tamén busca colocar plantas que desprendan olor. De feito, xa puxeron varias roseiras aromáticas e algúns Trachelospermum jasminoides —coñecido como falso xasmín—, que se parece moito a un xasmín e cheira moi ben, achegando un aroma agradable, tal e como conta García. É útil para cubrir paredes de establos e facer algún peche, porque é denso e énchese de flor durante todo o verán: “Esta planta triunfou moito entre os gandeiros cando a viron, así que algunhas, coma esta, intentámola integrar en todos os espazos”.
A iniciativa inclúe, ademais do axardinamento e acondicionamento das granxas, a elaboración de murais. Á parte do que decoraron os alumnos da ESO do IES de Arzúa, xa se pintou outro en SAT A Mella, de gran tamaño.
Os primeiros negocios en unirse foron Os Carballizos, SAT A Mella, Gandeiría Pear e Granxa Rey. Había outro que xa contaba cos seus propios xardíns, co cal o labor que tiveron que levar a cabo desde a ADSG non foi moi grande, pero uniuse do mesmo xeito por colaborar: trátase da Curiscada. Máis recentemente apuntáronse Ganadería Camba, Gandeiría Rialo, Granxa Figueroa e Granxa Foxado. Ademais, teñen á espera dous ou tres máis que están pendentes de finalizar obras e deixar sitio libre para poder comezar: “Espero que pouco a pouco se vaian unindo máis. A ver se a medida que se observa o que facemos, é posible”, declara a veterinaria.
Non obstante, Margot García aclara que “quizais desde fóra parece que son poucas as que participan, pero preparalas leva o seu tempo e vas alí moitas veces. En ocasións, para colocar unha planta xa me están chamando porque non se atreven a poñela se eu non estou, por se está fóra de sitio, por se queda mal… Entón, non dispós de tempo para todo. Non me imaxinaría levando moitos proxectos á vez. Este ritmo está ben”.
A convocatoria para os xardíns ofrecéuselles en xeral, ás 102 ganderías que ten a ADSG Arzúa a día de hoxe. Non fixeron moita máis publicidade ca esta: “Eles saben o que estamos facendo e eu tampouco insistín moito, basicamente ao non ter a capacidade de levar a cabo moitos proxectos xuntos”, argumenta García.
É necesario que a xente que queira comezar con isto estea disposta a facer algo de verdade, porque supón bastante traballo, xa non só polo mantemento, senón polas tarefas previas, que deben realizalas os propios gandeiros, tal e como anota a veterinaria. Desde a ADSG Arzúa aceptan a calquera granxa que queira arranxar o seu espazo, pero sempre e cando vexan esa determinación á hora de poñerse en marcha.
SAT A MELLA
Javier Varela e Jesús Rivadulla son os propietarios de SAT A Mella, unha das primeiras ganderías que se animou a unirse ao proxecto de axardinamento da ADSG Arzúa, que se sitúa na parroquia da Mella. Ademais dos dous socios, contan cun empregado que lles axuda a realizar as tarefas diarias.
Actualmente posúen 190 cabezas, das cales moxen a 75 nunha sala en espiña de peixe de 10 puntos, e o resto é recría. Fan dous muxidos ao día, un pola mañá e outro pola tarde, cunha produción de 35 litros/vaca/día. A porcentaxe de graxa é de 4,20 % e a de proteína, de 3,60 %, mentres que o reconto de células somáticas o teñen en 100.000 céls./ml.
“É unha iniciativa máis, que achega cor. Tal vez haxa xente que pensa que todo é esterco e vacas, co cal é unha forma de cambiar a imaxe das ganderías”, opina Varela sobre a proposta da ADSG Arzúa. Aquí existían áreas que se adecuaban moi ben para poñer xardín e plantas. Neste proceso traballou Jesús Rivadulla coa axuda de Margot.
Adicionalmente, pintaron un mural de 30 metros de longo. Primeiro fixéronse tarefas de lavado, logo déronlle as primeiras capas de pintura branca, coa colaboración dos estudantes da FP do instituto e, finalmente, pintouno a propia Margot en apenas 15 días coa axuda de dúas amigas pintoras. Uns días despois, déronlle os últimos retoques e rotulárono. O gandeiro Varela considera que quedou moi bonito.
O deseño, que decidiron Margot e as súas compañeiras, consiste nunha paisaxe, que encaixa ben co longo do mural, para enchelo e que non se vexa baleiro.
SAT A Mella sempre foi unha granxa na que se preocuparon por coidar a limpeza e a orde, pero co axardinamento e o mural melloraron aínda máis a súa imaxe. “Á xente chámalle a atención e déronnos os parabéns. O mural é rechamante, porque pasas pola estrada e xa o ves, pero o xardín tamén gusta moito”, comenta Varela.
GANDEIRÍA PEAR
Os propietarios de Gandeiría Pear, situada na parroquia de Brandeso, son o matrimonio Jesús Pereira e Isabel Ares; esta última incorporouse á empresa en 2007. Teñen 59 animais, dos cales moxen 36 nunha sala en espiña de peixe de 2x3; o resto son vacas secas, xovencas e recría. Fan dous muxidos ao día cunha media de produción de 24 litros por cabeza. Rexistran unha porcentaxe de graxa de 3,80 % e, de proteína, un 3,10 %, cun reconto celular por debaixo das 100.000 céls./ml.
Gandeiría Pear é ecolóxica: inscribíronse no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) en 2008, e levaron a cabo a conversión durante dous anos, momento no que comezaron a producir en ecolóxico. En 2015, con outros tres amigos, puxéronse de acordo para poder transformar o seu propio leite “e sermos máis donos do noso cun valor engadido”. Así pois, fundaron SAT Lactear e comezaron a producir os seus primeiros queixos en 2018. Despois, sacaron ao mercado a súa marca de queixo ecolóxico, Verbas: “Elaborámolo fresco, madurado e con mofo. Facémolo nunha cantidade pequena, pero con boa aceptación e saída no mercado. Agardamos poder aumentar algún día en cantidade”.
Con respecto ao pro-xecto de axardinamento da ADSG Arzúa, desde Gandeiría Pear admiten que lles gusta ter a granxa visible, bonita e o mellor posible. “Margot animounos. Ao principio non entraba nos nosos plans, pero estamos contentos de telo feito porque sempre axuda un pouco á vista á hora de chegar ao traballo e poñerse coas tarefas”, relata Jesús Pereira. Do mesmo xeito que SAT A Mella, foron dos primeiros en unirse, na primavera do ano pasado.
“Paréceme unha iniciativa moi boa. Todo o que sexa mellorar o aspecto das explotacións é marabilloso, porque si que hai moito abandono pola nosa parte da contorna das granxas, e en realidade é sinxelo adornalas e melloralas, pero non se fai”, opina o gandeiro sobre o programa que impulsaron desde a ADSG Arzúa.
No seu caso, ao poñer un valado para pechar a granxa dos animais externos e para que os de dentro non puidesen escapar, construíron unha soleira con diversas plantas e colocaron unhas trepadoras para cubrir a parte da oficina polo interior. “Fáltanos arranxala un pouco pola parte externa. Estamos vendo se podemos poñer algún mural”, conta o gandeiro.
“Cando chega alguén de visita, sempre nos din o bonito que quedou isto e que lles encanta velo así”, conclúe Jesús Pereira.
OUTROS PROXECTOS DESTACABLES
Unha das accións máis rechamantes que se fixeron ata agora é un estanque en Os Carballizos, con nenúfares incluídos, que foi idea do gandeiro: “Igual é o que máis chama a atención, porque é diferente”, apunta a veterinaria Margot.
Algunhas das granxas que están incorporando xardíns comprenden zonas moi amplas, como é o caso da Granxa Foxado, que ten arredor unhas pendentes enormes que están a tratar de axardinar. Tamén en Ganadería Camba a obra é grande, porque están a abranguer todo o perímetro e habilitando varios espazos.
OS FROITOS DO TRABALLO
Margot García manifesta que é habitual que, cando se comeza a axardinar, os gandeiros vaian vendo o contraste entre as áreas que están arranxadas e as que non, e queiran seguir ampliando, tamén porque lles vai gustando como queda todo e collen o proxecto con ilusión.
Por outra parte, grazas á colaboración do instituto no proxecto, unha das granxas vai recibir un alumno en prácticas procedente da Bretaña francesa. Adicionalmente, o alumnado do Ciclo Medio de Produción Agroecolóxica e Agropecuaria, e o de Aproveitamentos Forestais, visitou as granxas que forman parte da iniciativa e realizou unha cartografía destas, ademais dunha toma de mostras do solo.
García creou hai uns meses unha páxina de Facebook para ir publicando contido sobre os traballos que van confeccionando. A idea era dar a coñecer o programa doutras formas, por exemplo, organizando xornadas de portas abertas, pero hai que esperar a que os xardíns avancen e medren un pouco máis: “Isto é lento. Ti plantas un ano, pero igual ata dentro de dous ou tres non ves que comezan a cubrirse os espazos. Entón, estou agardando a ocasión para levar a cabo esta actividade, que segue na mente e que é interesante para que máis persoas saiban que as granxas están mellorando moito esteticamente en comparación a como eran hai uns anos”.
En xeral, a iniciativa comeza a xerar curiosidade tanto entre os gandeiros e veciños do Concello de Arzúa, coma noutras localidades e municipios próximos: “Cando estivemos pintando o mural na Mella, chamou xente os gandeiros preguntando se nos dedicabamos a facer murais, incluso da zona de Aranga. Ao estar ao lado da estrada, chama a atención, é moi visible. Eu espero que isto teña un efecto dominó e oxalá haxa máis persoas que poñan en marcha programas similares noutros sitios. Confío, sobre todo, na xente nova que está entrando agora no sector, xa que era necesario este cambio de mentalidade do que é o establo: non se trata só dunha explotación e dos animais, senón de todo o contorno. Embelecer un pouco a nosa Galicia sería bonito, un proxecto moi chulo”, asevera Margot García, que conclúe que, a pesar de que neste sector custa moito comezar novas accións, ela intentará pola súa parte cambiar un pouco esa actitude dentro das súas posibilidades.

O LABOR DA ADSG ARZÚA
2005 foi o ano no que esta ADSG comezou a súa andaina. Os seus inicios foron complicados, xa que moitos dos gandeiros que asinaron para solicitar o ingreso despois non querían formar parte: “As esixencias que tiñamos da Xunta en canto a número de ganderías non se correspondían coas que había”, recorda Margot García, que tivo que facer daquela moito traballo de publicidade: ir ás granxas, convencer os gandeiros para que entrasen… O primeiro ano foi moi duro, pero conseguiron continuar.
Ao principio había bastantes problemas. Comezaron a poñer en marcha o labor designado no programa oficial da Xunta para as ADSG e foron integrando ganderías que lles faltaban. Mellorouse pouco a pouco e evidenciouse un cambio importante desde os seus inicios ata agora.
A día de hoxe, con Margot traballa outro veterinario a tempo parcial, Juan Carlos Mesonero, que se encarga das vacinacións e das desparasitacións, mentres que do resto se ocupa ela.
A ADSG Terras do Queixo abarca unicamente o Concello de Arzúa, con 102 granxas inscritas e un volume de 7.600 unidades de gando maior (UGM).
Como ADSG, levan a vixilancia de IBR, BVD, Neospora e Paratuberculose. O seu traballo baséase principalmente en supervisar as explotacións e o seu estado sanitario. Ademais, teñen un programa complementario, que é voluntario, e vai en función das peticións que lles poidan solicitar os gandeiros, como atender pneumonías ou diarreas en xatos. Tamén axudan en caso de que haxa problemas de calidade do leite, aínda que ese aspecto xa está bastante controlado. “Ás veces, implementamos programas con asuntos que xorden, como a febre hemorráxica ou, por exemplo, axudamos coa lingua azul o ano pasado. Hai aspectos que son máis eventuais e outros que son fixos do programa e que hai que levalos sempre”, describe a responsable da ADSG Arzúa.
“O meu obxectivo como agrupación sanitaria é chegar ás granxas e poder facer ese labor preventivo xusto antes de que entren as enfermidades. Cando ti consegues chegar a ese punto no que sabes que se está iniciando un problema, pero que aínda estás a tempo de atallalo, a min dáme moita alegría”, afirma Margot. Neste senso, engade que pretenden que todo vaia o mellor posible, o cal lles permite ter tempo para dedicárllelo a outras iniciativas, como a do axardinamento.
Nesta ADSG, a porcentaxe de problemas vai diminuíndo pouco a pouco. Por exemplo, en IBR están cunha positividade de pouco máis dun 1 %, co cal lles queda moi pouco por eliminar. “Unha das miñas metas é conseguir dicir que teño unha ADSG libre de IBR. Vai ser moi difícil, porque, aínda que levamos anos sen ningún foco, en calquera momento aparece un”, expresa.