A Asociación de Profesorado de Ensino Agrario de Galicia (Apeaga) iniciou a campaña de promoción de titulacións vinculadas ao sector primario. Dentro da oferta educativa pública, os graos básicos, medios e superiores relacionados coa produción agrogandeira ou co sector forestal, entre outros, abriron o prazo de solicitude de admisións ata o 30 de xuño, ás 13:00 horas.
As formacións profesionais impártense en 28 centros dependentes da Consellería de Educación da Xunta de Galicia. Entre os tipos de institucións, situadas nas catro provincias, atópanse Centros Integrados de Formación Profesional (CIFP), Institutos de Educación Secundaria (IES), Centros de Educación Especial (CEE) e Centros de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA).
Gandaría e produción agrícola
Os plans de estudo relacionados co ámbito agropecuario permiten ás persoas graduadas acceder a ocupacións en explotacións gandeiras, empresas de servizos de maquinaria agrícola ou clínicas veterinarias, entre outras. A oferta abrangue todos os niveis, partindo do Programa Formativo Básico de Producións Agrícolas (impartido no CEE Manuel López Navalón, en Santiago de Compostela) e do Ciclo Básico de Actividades Agropecuarias (no IES da Terra Chá José Trapero Pardo, en Castro de Ribeiras de Lea, e no IES Plurilingüe Fontem Albei, na Fonsagrada).
No seguinte módulo, atópanse o Ciclo Medio de Produción Agropecuaria (vencellado ao IES de Arzúa, na Coruña; no CFEA de Sergude, na Coruña; no IES Cidade de Antioquía, en Xinzo de Limia, e no IES da Terra Chá José Trapero Pardo) e o Ciclo Medio de Produción Agroecolóxica (no CIFP A Granxa, en Ponteareas; no CFEA Pedro Murias, en Ribadeo, e no IES de Arzúa).
No nivel máis alto, figuran o Ciclo Superior de Gandaría e Asistencia en Sanidade Animal (impartido no IES Cidade de Antioquía, no CFEA Pedro Murias, no CFEA de Sergude e no IES de Melide, en Melide) así como o Ciclo Superior de Paisaxismo e Medio Rural (no CFEA de Guísamo, na Coruña; no IES Plurilingüe San Rosendo, en Mondoñedo; no CIFP A Granxa e no IES de Arzúa.
Unha inserción laboral próxima ao 100%
Segundo comunicados referentes a convocatorias anteriores emitidos pola Xunta de Galicia, a formación profesionalizante no sector primario conta cun índice de inserción laboral próximo ao 100%, dependendo dos centros e das titulacións. Isto é apoiado pola Apeaga, que, nun comunicado sobre a oferta do curso 2026-2027, salienta a relevancia que adquiren estas ocupacións en relación co tecido social e coa estratexia produtiva do territorio galego.