A Organización Interprofesional Láctea (InLac) puxo en marcha o roadshow dos lácteos no marco da iniciativa “Cuenta con los lácteos europeos”. Trátase dun autobús itinerante por toda España co obxectivo de promover o consumo de tres lácteos ao día.
Este mércores, a campaña realizou a súa parada en Madrid, na Facultade de Agrónomos da Universidad Politécnica. Proximamente visitará as cidades de Granada, Málaga, Córdoba, Sevilla, Badajoz, Cáceres, Toledo, Albacete, Almería, Murcia, Alicante, Valencia e Guadalajara, entre outras.
O autobús protagonista foi vinilado para a ocasión polo artista e ilustrador Óscar Alonso, máis coñecido como @72kilos. Os materiais de divulgación empregados teñen mensaxes claras que animan o consumidor a apostar polos lácteos europeos.
No seu interior, os visitantes poden sentarse nos bancos fronte a unha pantalla para ver un vídeo infográfico que explica os valores sostibles dun sector comprometido co medio ambiente e co desenvolvemento rural.
"Queremos crear todo un movemento co obxectivo de concienciar os consumidores sobre o poder que ten a súa elección de compra para facer do mundo un lugar máis sostible", destacou Javier Roza, presidente de InLac.
Esta iniciativa permite dar continuidade a “Cuenta con los productos lácteos europeos”, que rematou a comezos de 2025, despois de tres anos con grandes avances na divulgación entre potenciais consumidores de España e Bélxica.