EN VÍDEO

Inlac agradece o traballo do sector lácteo durante esta crise da Covid-19

A presidenta da Organización Interprofesional Láctea (Inlac), Charo Arredondo, quixo agradecer nun vídeo gravado desde a súa explotación gandeira do cántabro Val de Soba, o esforzo e dedicación de centenares de miles de profesionais da cadea de valor do lácteo -gandeiros, cooperativas, fabricantes, persoal de manipulación, transporte, loxística e servizos auxiliares, entre outros- que permitiron, a pesar das dificultades expostas pola pandemia do coronavirus, garantir a subministración á poboación de leite, queixo ou iogur.

Neste vídeo, Arredondo lembrou que esta crise sanitaria sen precedentes tamén impactou de cheo no sector lácteo, sobre todo polo peche da canle da restauración e a hostalería, tan importante para a sustentabilidade económica dos nosos gandeiros e empresas. Unha crise, en suma, que está a ser especialmente intensa para os produtores de leite de cabra e de queixos ante os problemas de comercialización que padecen.

A pesar das dificultades, Inlac puxo en valor o innegable esforzo que realizan todos os gandeiros e as súas cooperativas así como dos fabricantes para garantir que os lácteos poidan seguir chegando con regularidade aos supermercados. E encomia a solidariedade que mostrou o sector, como non podería ser doutra maneira ante a gravidade da situación, cos máis necesitados e cos corpos sanitarios, a través de doazóns ofrecidas polas nosas empresas lácteas, organizacións profesionais agrarias e cooperativas a hospitais, bancos de alimentos e centros benéficos. Non desexan que ningún español, especialmente os nenos, se vexan obrigados a renunciar a alimentos de calidade esenciais para manter unha dieta equilibrada e saudable.

Así mesmo, Arredondo tivo palabras de agradecemento para os consumidores pola súa valentía e responsabilidade, acatando as normas sanitarias decretadas durante o confinamento polas Autoridades. Cidadáns que seguiron apoiando aos produtores lácteos coa súa elección de compra diaria, contribuíndo así a reforzar e manter o noso medio rural, a súa economía e emprego. E é que os lácteos se manteñen como un dos grupos de alimentos preferidos polos españois durante estas semanas.

Neste contexto, Inlac lembra que o sector lácteo español seguirá traballando de maneira incansable como ata o de agora, para garantir a subministración de produtos de calidade e total garantía de seguridade alimentaria e quere, en definitiva, seguir estando ao seu lado, remando xuntos, ata recuperar a plena normalidade.

O lácteo é un sector estratéxico para España pola súa relevancia económica e a súa contribución ao desenvolvemento e á fixación da poboación rural. A cadea de produción e transformación xera en España ao redor de 13.000 millóns de euros ao ano e dá emprego a unhas 60.000 persoas.